Nas mans da China

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

TINGSHU WANG | Reuters

23 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A pandemia veu demostrar que a infraestrutura de telecomunicacións é vital. Coincidindo con esta dura demostración, Trump mostrouse rexamente oposto á presenza da Huawei nos EE.UU., e mesmo conseguiu apoios e aplausos para evitala: as microondas que atravesan os espazos abertos, os electróns que seguen os cabos eléctricos e os fotóns que percorren as fibras ópticas son intanxibles; mais todo o equipamento que os xera e dirixe é material, deseñado, programado e fabricado.

Hai corenta anos a produción de equipamento telemático espallábase polos países avanzados e ninguén podería albiscar que alguén lles fose gañar o pulso ás grandes empresas americanas, europeas e xaponesas. Porén vinte anos despois ía moi adiantada unha danza dos malditos entre fabricantes de América e Europa, da que se salvaron poucos nomes (a ocultaren outros por absorción). No entanto prosperaban as compañías chinesas coa Huawei de guieira: axudounas o mercado interno, a moeda desvalorizada, a espionaxe industrial, o desdén dos dereitos laborais... Sen dúbida, mais o reino central apostara polo que non souberon defender as potencias tecnolóxicas tradicionais: a industria estratéxica da sociedade da información. E, como Occidente non reaccione, o mundo ha ficar incomunicado só con que as engrenaxes da China renxan.