A diferenza española

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

15 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A diferenza española no andazo está nas cifras e non pode agocharse. Cada vez máis voces piden que se investigue o comportamento do virus en España -máis ben o comportamento de España co virus-, empezando polas elevadas cifras de contaxio, as taxas de letalidade, os abrollos. Resulta necesario indagalo pero despois de seis meses algo xa sabemos e, mesmo aínda sen saber de epidemioloxía nin de viroloxía, algo podemos indagar.

Propóñolles que comproben cantas noticias sobre apertura de bares, ocio nocturno ou turismo apareceron neste tempo da pandemia nos medios de comunicación en relación co andazo e cantas sobre apertura de escolas e universidades. É doado de rastrexar sen ser experto en minería de datos ou xornalista de investigación. Se o fan empezarán a ter pistas sobre a diferenza española. Os bares gañan ás escolas por máis de un millón de noticias, aínda que na última semana as escolas están recuperando dramaticamente posicións nunha carreira á que chegan con moito retraso.

En Irlanda as escolas abriron o 25 de agosto, pero os pubs que non dan comidas levan seis meses pechados e prográmase a súa apertura para o día 21, o mesmo día no que deben empezar as clases nas universidades galegas. Que máis se pode dicir, sobre a diferenza española? Neste caso, relixiosa non é.

O virus circula cando lle dan ocasión. Por Madrid, o virus circula a eito, en explanadas de bares e locais cheas a reverter de persoas sen máscara, sen distancias de seguridade, con xente fumando e mesas de catro ocupadas por oito. Nada comparable ao que pode verse en Compostela. En Madrid os donos dos locais seica se queixan menos que os de Santiago. Pode que esas diferenzas se reflictan nas cifras de letalidade acumulada, pode que teñan algo que ver con que Madrid supere as 130 mortes por cen mil habitantes mentres Galicia está nas 25. Pode. Iso das cifras forma parte do caos no que se desenvolve este tempo de andazo.

Logo está a política. Escribín ao comezo do confinamento que a política non ía deterse polo andazo. A política que aquí se fai segue as prácticas e culturas políticas que traíamos connosco. O guerracivilismo nótase no uso sen piedade de todo o que acontece para deslexitimar e derrubar ao contrario. Mesmo así a democracia ten tantas vantaxes que a práctica opositora e contra opositora tradúcese en transparencia na pelexa polo número, pola última cifra, cóntase todo, rastréxase cada incidencia e aínda se inventan non poucas. Magoa que pareza menos importante saber que facer con esa información que contar vítimas. Clásica necrofilia hispana. Pode que, como na gripe do 18, a diferenza española resida tamén na liberdade de expresión e aínda pode que, como daquela, acabe coñecéndose como a covidespañola. Méritos estanse a facer.