O curso escolar atípico

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

María Pedreda

27 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O comezo do curso achégase cun aumento constante de preocupación e de incerteza. Coma sempre, cada Administración educativa autonómica vai polo seu lado e a estatal segue sen decatarse de que, nun asunto coma este, o labor de coordinación é imprescindible. Elaboráronse protocolos e normativas para regular a volta ás aulas dando por seguro, na maioría dos casos, que a actividade académica vai ser presencial. Sen embargo, desde final do pasado curso non se tomaron tódalas medidas necesarias para contribuír a este obxectivo. No ámbito rural, o baixo número de alumnos por aula e a dispoñibilidade de locais posibilitará cumprir coas esixencias, pero en contornos urbanos, con centros sobrecargados e carentes de espazos, deberían terse estudado solucións como aulas prefabricadas ou adaptación de locais non docentes, viables nun importante número de centros.

A principal preocupación está a ser o retorno ás aulas, pero este vai ser un curso atípico no que é moi posible que teña que haber tamén ensino a distancia, en zonas ou en centros concretos. A experiencia dos meses de confinamento non foi positiva: profesores que carecían de capacitación dixital, alumnos sen equipos informáticos ou zonas xeográficas con problemas de sinal. Varias comunidades autónomas veñen de anunciar accións a partir do outono, pero de novo imos con retraso. Situacións extraordinarias requiren medidas urxentes, que xa terían que levar tempo aplicándose.

Os dous grandes problemas creados pola pandemia no ámbito educativo, teñen que ver coa equidade e coa gran baixada do nivel académico. Con respecto á primeira, a volta ao ensino presencial é decisiva, pois a escola está a exercer un gran labor compensatorio, no que Galicia é un bo exemplo que nos sitúa á altura dos mellores países europeos. A convivencia de ensino presencial e a distancia agravaría máis a desigualdade, tendo en conta sobre todo variables como clase económica da familia e socialización dos alumnos. Por riba podería afectar á conciliación de vida familiar e laboral, aspecto que vai ter gran transcendencia neste curso.

Polo que se refire ao nivel académico, non sería bo que repetísemos a excesiva flexibilidade das próximas pasadas cualificacións, nas que os aprobados e as promocións foron xeneralizados. Con clases presenciais poderá evitarse, pero cun ensino a distancia caeriamos de novo nos mesmos erros, xa que o sistema non está preparado para desenvolver metodoloxías e avaliacións similares ás que se aplican no propio centro.