Fútbol, ocio nocturno e restauración funcionando. As caixeiras dos supermercados e os traballadores da limpeza nunca pararon de traballar. A tauromaquia prioritaria na España cañí polo turismo ou pola aristocracia castiza. Pero agora que teñen que reabrir as escolas vense abaixo o mundo entre a incerteza, a falta de criterio e a ruindade para por a disposición do mundo educativo os medios necesarios para unha volta nestas condicións. Está pasando e falta un mes para volver ás aulas. Moitos comentaristas dan un curioso tratamento ao asunto da apertura dos centros educativos, considéranos importantes para a vida produtiva porque nais e pais teñen que ir traballar. Coas aulas pechadas paralizaríase de novo a actividade económica, argumentan. Pouco se fala da formación e da educación, da adquisición de coñecementos como un valor en si mesmo que capacita e forma á mocidade para vivir, para elixir, tamén para gañarse a vida e desfrutar dela, para producir e contribuír á sociedade, para ser cidadáns críticos e solidarios. Libres. Asómbrome deste paradoxo, da falta de importancia política e social que lle damos á educación, e algúns colegas de ensino medio estráñanse do meu asombro.
Hai que escoitar á Unesco para reparar nos riscos que corre esta xeración de adolescentes, dos efectos que esta situación de abandono das aulas vai ter neles, incluído o aumento no abandono escolar dos menos favorecidos . Os centros educativos teñen que abrir en setembro e teñen que adaptarse e reorganizarse para facelo con garantías e iso require pensar, organizar e dotar. O primeiro e o segundo poden facelo dende o mundo da educación, atendendo aos protocolos de saúde pública o terceiro teñen que facelo dende a Xunta con políticas específicas. Pero o asunto polo que sabemos leva mala traza. As condicións de austeridade que o Goberno do PP aplicou ao ensino público son as peores para afrontar esta situación de andazo. Hai recursos mobilizables para corrixila pero non parece que se queiran empregar. Ou non queren ou non dan reaccionado, pero neste trelo a solución non se improvisa nun día, non se amaña prohibindo fumar. Unha mala decisión política de como arrincar o curso terá moi graves consecuencias.
Os centros teñen que estar abertos para seguir formando á mocidade, para evitar un segundo peche que tería consecuencias previsibles. Outro parón nos seus hábitos de traballo, nas súas rutinas e formas de organizar a vida e o ocio, tería efectos negativos nos picariños e nas cativas pero deixaría marcas difíciles de corrixir nos adolescentes. A etapa máis ingrata e máis decisiva da formación da personalidade, cando a volubilidade dos caracteres actúa como un papaventos nos raparigos e raparigas. Ímonos dar conta que o importante da educación non son as notas medias, nin a lóxica de gardería que valora unha parte da sociedade. Como caixeiras e limpadores, tamén o profesorado somos traballadores imprescindibles. Tamén a educación é un servizo esencial. Por nós non vai quedar.