Fútbol

Inma López Silva
inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

17 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A testosterona campa nas canchas que, ao lado dos bambáns coronavíricos clausurados, acollen multitudes. Quizais pintaron o chan con Varon Dandy, e pode que liberen botes de after shave nas gradas onde sentan as adolescentes a facer vídeos medio pornográficos para o Tik Tok. Aí chego eu con dúas patinadoras que aínda cren no olor a flotador e ocupan todo ese espazo con piruetas. Ata que aparecen eles. Os da testosterona. Eses en cuxas axilas xa loitan o Varón Dandy, os pelos e o flotador. Rapaces aos que non lles mudou a voz, pero ostentan un balón de fútbol coma se fose a espada de don Paio, e coma os musulmáns, na batalla de Covadonga, os patíns das miñas vástagas vólvense na súa contra e repréganas a un extremo só apto para escapistas. 

As corentonas de agora temos poucas oportunidades de ser nais coraxe, pois a pandemia que nos tocou en sorte se imita máis a unhas vacacións perpetuas que a unha guerra. Así que non me quedou máis remedio que anunciar a aqueles críos que nunca chegarían ao fútbol profesional, pero que xa entraran na primeira división dos machistas, como probablemente os seus pais. Tamén lles dixen que pincharía aquel balón se pasaba do medio campo. Protestaron ao estilo malcriado dos seus ídolos, pero obedeceron.

De súpeto, as mozas das fotos para o Tik Tok foron sentar no círculo central, que comezou a ulir a vainilla. Eles botaron igual os seus penaltis ata que o balón chegou ao círculo máxico. «Non fai falla que volo quite a señora, hala!», dixo unha rapaza sentando na pelota. Por fin me chaman señora, pero me tratan coma a un señor.

Hoxe eran elas as que botaban penaltis. Na outra media cancha, uns cativos xogan a pillar. Dos machitos, nin rastro.