Interseccións

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

14 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Supoño que é porque estou a piques de cumprir os corenta, ou pola tristura que me acompaña nestes meses, ou pola incerteza de se a pandemia fará que me teña que reinventar de novo... o caso é que, ás veces, unha vese no medio de moitas realidades, e comeza a cuestionar o feito de levar toda a vida migrando polas cousas que a apaixonan, e de súpeto síntese culpable por querer aprender de todo e ser unha experta en nada.

O sociólogo americano Robert E. Park, nun artigo publicado no ano 1928, definía a idea do «home marxinal» como aquela persoa que, unha vez migra, ten que «esforzarse por vivir en dous grupos culturais diversos», e que nesa busca acaba creando un comportamento característico que fai que se sinta estranxeiro en calquera grupo. Nese mesmo artigo, Park reflexionaba sobre o feito de que na mente dese home marxinal «é onde mellor se poden estudar os procesos de civilización e de progreso».

Cando tento facer as paces comigo mesma, lembro a razón pola que hai algúns anos comecei a aceptar (e a habitar) a idea de que as interseccións tamén son unha forma de vida. Foi escoitando ao meu mentor, o chelista Yo-Yo Ma, falando do «efecto de borde»: o punto no que se cruzan dous ecosistemas e onde, aparentemente, hai unha maior tendencia á variedade e á diversidade; e sobre o feito de que «a creatividade da natureza» podería atoparse nesa constante adaptación.

Sentirme nesa intersección, incómoda, é o que fai que siga buscando unha versión mellor de min mesma, e nesa busca constante ás veces acho o meu xeito de ser feliz. Pois sei quen fun, pero non sei quen serei, e iso é o que me mantén facendo o que máis me gusta: asombrarme e aprender.