O valor da exemplaridade


Moitos recordamos, de rapaces, aquela colección de contos que se titulaban Vidas ilustres, tamén: Vidas exemplares. Biografias de persoeiros que, dunha maneira ou doutra, representaban os valores da sociedade da época, que en moitos casos eran valores universais: sacrificio, traballo, servizo á sociedade… Non serei eu quen se poña a defender agora os principios doutros tempos. Cada época ten o seu discurso e os seus intereses. Mais sospeito que existen (ou deben existir) algúns universais que forman parte da dignidade do ser humano, bases elementais de convivencia e solidariedade, de esforzo e mesmo de entrega aos demais, para lograr entre todos un mundo mellor, ou polo menos para intentalo.

 

As institucións, que son esteos do corpo social (o sistema), fundaméntanse na exemplaridade. Son útiles porque nos recoñecemos nelas, socializámonos arredor delas, mesmo aceptámolas como referentes para a convivencia, e non son algo estático, afírmanse dun xeito constante ao longo do tempo. Mais o meu pai dicía sempre que os partidos (de futbol) tamén se perden nos últimos minutos e que, ás veces, os méritos de toda unha vida, por grandes e recoñecidos que sexan, poden marchar polo buraco do sumidoiro se non acertamos a cerrar os ciclos con dignidade. O caso do rei emérito é de manual. Con algunha matización. Seguramente por conveniencia, outros dirán que por supervivencia, os sectores dominantes da sociedade española (da sociedade internacional no seu conxunto), non só os políticos, tamén os económicos, mediáticos, financeiros, etcétera, ben sabían das actividades ou mesmo das formas pouco ortodoxas do monarca. Non é a única coroa que pasa por isto. Pero o necesitaban, precisamente polo que representaba de estabilidade institucional.

A figura do rei emerito, maila chegar marcado pola súa condición de herdeiro dunha ditadura, encarnou durante décadas a incorporación de España aos modelos democráticos de Occidente. Ao seu arredor foise construindo un activo importante (persoal e público) que en certa maneira contribuíu a afianzar a monarquía como unha institución útil, mesmo con posilidades de éxito no difícil equilibrio social, incluso territorial, alén da memoria histórica. Había e hai cuestións abertas, certamente, mais nas que se pode (e debe) seguir traballando. Non obstante, cos datos enriba da mesa, e aínda aceptando a presunción de inocencia de certas custións xudiciais, a pregunta é: dende que estado de sensación de impunidade, cegueira, atordamento, perda do sentido da realidade, acaso soberbia institucional, non sei, alguén pode deixar estragar semellante patrimonio? Que mecanismos ten unha sociedade democrática para pedir responsabilidades? Ben sabemos que as persoa non son as institucións, mais as institucións consolídanse, afírmanse, lexitímanse sobre o comportamento e a exemplaridade das persoas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

O valor da exemplaridade