Afrontar o coronavirus

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

27 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Á consulta do cardiólogo Alfonso Castro Beiras acudiu, hai moitos anos, unha monxiña vella e enferma, acompañada da madre superiora, moito máis nova ca ela. A superiora, intuíndo a gravidade do caso, emulaba a santa Teresa e non deixaba de eloxiar a vida eterna, as excelencias da Gloria, o encontro co Señor.... A velliña calaba, pero cando quedou a soas co médico díxolle baixiño: -Eu non quero morrer, sabe, doutor?

Eu tampouco quero morrer e por iso cando empezaron as infeccións de coronavirus confineime na casa, disposto a seguir as instrucións, indicacións e consellos dos expertos en pandemias, que son lexión.

Primeiro recibín un test doméstico para saber se me infectara ou non: se podía encher os pulmóns de aire e pasar dez segundos sen toser, estaba limpo. Como dez segundos? Vinte, trinta, corenta…! Ata poñerme vermello coma un tizón aceso ficaba eu sen unha tose. E como me gorentaba saberme san, repetíao cada pouco e andaba todo o día co peito de fóra, talmente coma un pavo.

Despois chegoume o dun científico que recomendaba facer gárgaras de auga con sal, varias veces ao día, para escorrentar o bicho; e como lle teño fe á auga con sal, que me vai moi ben para a farinxite, cando non andaba inchando o peito, estaba gargarexando.

Un médico de pelo branco, voz grave e falar sereo recomendou bafos de vapor e bebidas quentes porque -dixo- o virus non atura temperaturas altas. Emocioneime facendo bafos co vicks vaporub que levaba nun recuncho do botiquín desde comezos da Transición, e cocín a lingua nas infusións de camomila con anís. Durante semanas levei a puntiña de fóra, buscando o fresco.

En canto nos deixaron saír, merquei unha mascarilla na farmacia.

-Dez euros.

-Dez euros?

-Si; pero pode usala unha semana.

-Unha semana? E se alguén sen mascariña me tose ou me espirra nos fociños?

-Prepare nun spray unha solución hidroalcohólica ao 50 % e ao chegar a casa pulverice a mascariña por dentro e por fóra.

O spray non me deu seguridade ningunha e rematei enchoupando a mascariña na solución de auga e alcohol. Aquilo era unha ruína e os amigos empezaron a avisarme das gangas nos supermercados. Teño tantas, que estou por facer unha doazón ás residencias da terceira idade ou asociacións de familias numerosas.

Con mascariña e as mans nos petos entrei no ambulatorio e un enfermeiro invitoume, amablemente, a botar hidroxel.

-Aínda que non toque nada?

-A hixiene nunca está de máis.

Fíxenme obseso do hidroxel e, en canto o vexo nos accesos ao súper, á farmacia, a unha tenda calquera, largo tres ou catro chiringazos cumpridos. Boto tanto, tantas veces, que volvo a casa coas mans tesas, coma as do monstro de Frankenstein.

Son pequenas molestias para mirar pola saúde, que, xa sabemos, é o que importa. A última recomendación que me chegou é para inmunizármonos ante un posible rebrote no outono: hai que ter relacións sexuais en parella un mínimo de dúas veces ao día. E niso ando.