A negación

OPINIÓN

Pool

26 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos temos amigos e coñecidos que gustan de se pór da outra banda en calquera tipo de discusión e dende aí erguer a súa dialéctica contraria usando argumentos máis ou menos convincentes, malia non creren neles.

Este espírito de contradición ten algo de deporte nacional porque todos sabemos que non hai verdades absolutas, e menos en política, onde cadaquén defende a súa posición oscilando ideas e fanatismos que apañan os seus adeptos.

Durante os últimos meses a violencia verbal e o desprezo usados pola extrema dereita, e algúns non tan de extrema, para se poñeren da outra beira en calquera actuación do Goberno, tiña un pouco diso, de rabia e envexa por non poder seren os protagonistas dunha situación histórica que, malia a complexidade e todas as desgrazas imprevistas, ofrecía grandes posibilidades de xestión. Esa revirada negación que hai cousa dun mes mesmo puxo en xaque o Goberno, non parece ter predicamento na actual situación onde as cousas non remataron por ser tan apocalípticas como algúns pensaban (e parecían desexar). E diante desta consolidación do Goberno, que anda na procura de acordos e vai dispor dunha apertura de oportunidades sen o freo que Europa impuxo na anterior crise económica, convén facer caso, aínda que só sexa por unha vez, ás enquisas de Tezanos que indican que ese camiño antagónico de desprezo non vai a ningures.

Fará ben o Partido Popular se cambia o ton e mesmo ofrece as súas alternativas. Só deste xeito ocupará o seu lugar e deixará que os de VOX perdan o atractivo porque non teñen nada que ofrecer nin son quen de argumentar no debate público. Poñerse de costas a todo e insultar seica non lles abonda. Por iso, o mellor que pode facer o Goberno é non facerlles fronte con máis odio a quen o ten como único alimento.