Cousas que aprendín na corentena


Agora sei tinguir o pelo, facer buñuelos, pan e brownies; montar vídeos, entrevistar on line, facer radio vía móbil e tele por Skype. Podo ensinar a multiplicar, a facer minúsculas con papel pinocho, a xogar ao dominó, ao xadrez e ás damas, e a facer retos ximnásticos. En inglés. Aprendín tamén que a xente está disposta a todo por nada, e a nada cando ten medo; que sei vivir no cárcere, cantar coa guitarra dun veciño a trinta metros e podar xeranios. Varias veces o de podar xeranios, igual que o dos vídeos de autobombo para vender libros. Demasiados. Tamén souben vivir sen mercar, mercar, mercar. Volvinme aínda máis marxista e máis incrédula, aprendín a non cargar mortos que non son meus; a non aplaudir sen saber a quen, a non deixar de facer cousas que se poden facer só porque alguén mudase o significado da palabra sentidiño; a rirme, rirme moito, cando me chaman irresponsábel por saír da casa e na mesma frase falan de reactivar a economía do meu barrio. Non vaia ser. Xa sei dicir brindando «igual hai que aprender a morrer un pouquiño». Sei agora durmir mal e ser feliz vivindo sen horario. Aprendín que estar sen bares, sen amigos, sen abrazos, sen miradas, non é estar nin ser; que o Whatsapp se esgota, que Netflix ten final e os andeis se gastan. Sei cantas baldosas hai na cociña e o número de puntiños da parede pintada a gotelé. Tamén son quen de estar unha hora para mercar cervexa e magdalenas, percorrer Vigo en bicicleta para ver un solpor en compañía, mentir á policía, pedir prestado un can. Aprendín, en fin, o que é de verdade a liberdade, e nunca fixo boas migas co medo a nada.

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

Cousas que aprendín na corentena