«Back on Earth»

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

23 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde que os humanos deron na teima de imitar as aves, pasaron os séculos, inventaron o telescopio e Verne mesmo ideou Unha viaxe á Lúa. Hai máis de medio século que un astronauta dixo a frase histórica, pan-humana, ao calcar o pé no po do satélite. Agora hai visionarios empeñados en usar a Lúa como base para saltar a Marte. Os antropólogos din que a especie humana é exploradora e colonizadora por natureza, polo que continúa na aventura espacial mesmo sabendo que poida ser quimérica, desastrosa para os exploradores e ruinosa para os promotores.

Sexan viaxeiros á Lúa, tripulantes das lanzadeiras ou habitantes da estación orbital, cantos andaran no baleiro lonxe da Terra volveron abraiados pola beleza da Bola Azul contrastada no negrume arrepiante. Retornaron amando máis o noso planeta e dispostos a coidalo. Moitos usaron a frase inglesa back on earth, cos pés na terra, cun dobre sentido -no chan e na Terra- para expresaren o seu compromiso adquirido nas alturas.

Nun momento de gravísima crise global cómpre pensarmos se paga a pena continuar coa carreira espacial ou concentrarmos todo esforzo técnico-científico nunha carreira -vital- terrestre. Sobra coñecemento da aventura vivida alén da atmosfera como para o aplicalo con éxito contra o COVID-19 e cantas novas pandemias veñan.