O impacto emocional da corentena

Sonia Villapol
Sonia Villapol TRIBUNA DECOTÍO

OPINIÓN

María Pedreda

06 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasaron días, semanas e quedan aínda máis. A incapacidade de soportar a incerteza da pandemia do coronavirus, e a confusión constante na información sobre o que está acontecer, fainos vivir con ansiedade. Non ter baixo control o que está a pasar, crea circunstancias que nos aflixen e que nos poden levar ó pánico. O costo psicolóxico que isto comporta non se está a avaliar coa importancia que merece. Barállase que os efectos da corentena poden chegar a levarnos a estados depresivos, ou trastornos de estrés postraumático.

Por contra, a natureza dinos que o medo nunha dose controlada non é malo, axúdanos á supervivencia, a reaccionar a tempo, a estar alerta, xusto todo o que precisamos para afrontar esta crise. Pero o medo tamén pode levarnos a un estado primario de ansiedade contaxiosa, de fobias, ou de comportamentos similares ó pánico ou á psicose nos casos extremos. A falta de interacción social, o insomnio, o esgotamento mental, a preocupación polo estado laboral, económico, por medo a contaxiarse un mesmo ou os nosos seres queridos, ou o que podería ser peor, non poder despedirnos dos defuntos. Todo pode atormentarnos e converterse nunha espiral perigosa alterando a perspectiva da realidade. O que nos pasa durante a corentena é normal, e hai que intentar no posible manter a calma. Aínda que unha sensación de impotencia nos desborde, hai que intentar xogar ca nosa mente, e só isto evitará a curto e longo prazo que a ansiedade e a angustia psicolóxica se convertan nun problema en si mesmo. As persoas máis vulnerables mentalmente a esta pandemia, volven a ser os nosos maiores. Tamén os cativos, o persoal sanitario e as persoas que manteñen contacto co público, ou as persoas con problemas de saúde mental previos.

Os neurocientíficos sabemos que a ansiedade pode alterar os circuítos neuronais, aumentar o estrés, debilitar o sistema inmune, cambiar a flora intestinal, e aumentar a presión cardíaca e o risco a padecer enfermidades (incluídas as infeccións virais). A neurociencia afectiva dinos que o confinamento limítanos o contacto social, e isto a fai que os niveis dalgunhas hormonas moi necesarias baixen, coma é o caso da oxitocina. A oxitocina é un potente neurotrasmisor no cerebro. Axúdanos a ser máis empáticos, e a reducir a pena. No noso cerebro temos a amígdala que se activa en resposta ó medo e á ameaza, e que manda sinais ás glándulas suprarrenais que liberan grandes cantidades da hormona adrenalina, a que nos fai estar alerta. Por sorte temos a corteza cerebral prefrontal que nos fai pensar no futuro, a nosa rexión racional que pode manter o control da situación. Unha maneira de combater a ansiedade é pararse por un momento e respirar profundamente, deixando así que a amígdala fora de xogo e dándolle á corteza prefrotal o mando. Tamén sabemos que a falta de sono altera as conexións da amígdala coa corteza prefrontal. Hai que seguir a estudar e ó mellor nun futuro poderemos apagar estas neuronas da ansiedade cunha sinxela chave.

Polo momento temos que tomar accións dende a nosa casa que baixen o impacto emocional, o estrés e a ansiedade. A Organización Mundial da Saúde fai as seguintes recomendacións; asegurarnos de recibir información de calidade, estar en contacto coa xente nas redes sociais ou por teléfono pero limitando o tempo, escoitar música, moverse un pouco, e comer e durmir ben. Non podemos esquecer que a curva vai baixar, e van sacar unha vacina e tratamentos eficaces; traballase arreo e con moita forza nisto. Despois sairemos á rúa con precaución, valorando a vida e as cousas materiais tamén. Lembrarémonos destas semanas cun nostálxico agradecemento ós bos e xenerosos, ós empáticos, ós profesionais da saúde e servizos, ós medios de comunicación, ós mestres, ós científicos, ós gandeiros, ós das importantes doazóns económicas ou ós que fixeron mascarillas dende a casa, ós sons cantores das ambulancias que nos dicían que estaban aí para nós, ós que aplaudiron dende súas ventás e nos ergueron dun axitado alento. En resumo, a todos os que foron moi conscientes antes, durante e despois do confinamento, que había que unir forzas e transmitir positividade cunha dose diaria de coraxe para saír desta. Pero aínda estamos no presente, e tócanos latexar a este ritmo, fai falla coidar a nosa cabeciña para cando remate esta crise, e seremos capaces de abrir a porta a un mundo distinto.

.