Debemos


Falamos tanto de dereitos que, en ocasións, esquecemos outros sintagmas: obrigas, deberes, responsabilidades. Estamos no tempo destas voces esquecidas. Porque a crise do virus precisa destas palabras, do seu significado e da súa práctica. Quero dicir e digo que temos, como cidadáns, o deber de obedecer as consignas das autoridades. Sei que resulta politicamente incorrecto sinalar tal circunstancia. Eu tamén cantei a arte da rebeldía e do non nos moverán e do fai o que che veña en gana. Pero neste asunto convén ir con cautela. Obedecer, insisto. Temos a obriga de seguir os ditados das autoridades, ainda que as autoridades tardasen demasiado tempo en tomar as medidas que estes días se están a tomar. Quizá por iso pasamos de ter dous casos de coronavirus confirmados a ser o quinto ou sexto país do mundo en afectados. Quizá por iso se permitiron contaxios masivos en Madrid, sexa por mor dunha manifestación autorizada polo Goberno ou pola irresponsabilidade de convocar un mitin masivo en Vistalegre por parte de Vox. Quizá por iso, porque sempre chegamos tarde a todas partes, estamos como estamos: en estado de contención extrema. Polo tanto o país das marabillas quere estar, este xoves, marabillado coa autoridade. Seguir o que eles ordenen. Atender as súas recomendacións unha por unha. Non tomar un asunto grave coma este á lixeira. E todo porque é preciso lembrar que temos obrigas, responsabilidades e deberes. E tamén xerarquías. É necesario respectalas nestes días. Máis ca nunca. Non só polo noso propio ben senón polo ben da comunidade. Quen non obedeza ás autoridades sanitarias está poñendo en risco a liberdade e a prosperidade de todos. Debo obedecer. Debes. Debemos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
30 votos
Comentarios

Debemos