A eutanasia é un acto de amor

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

20 feb 2020 . Actualizado a las 20:55 h.

Os que din que non á eutanasia son os que din que non a case que todo o que teña que ver con dereitos e liberdades persoais, privados, de un mesmo, de asuntos nos que o Estado non debería ter nada que dicir. Porque o Estado, dende logo, ten que dicir moito sobre moitas cousas (por exemplo, sobre o contido dos currículos educativos, por iso nada de nada de pin parental) pero hai outras nas que, definitivamente, non debe dicir nada.

Por exemplo, sobre como quero vivir.

Por exemplo, sobre como quero morrer.

Os que din non á eutanasia non estiveron, na súa vida, preto de alguén que padecese un sufrimento absolutamente insoportable. Non teñen nin idea do que significa a vida cando non é vida, a existencia cando non é existencia. Os que din que non á eutanasia e falan dun «Estado asasino» ou de facer das e dos médicos «máquinas de matar» non entenden que procurar unha morte digna é, en realidade, un acto de amor. Non entenden que un esposo, unha dona, un pai, unha nai, poden querer, por amor, por amor grande, aliviar un sufrimento insoportable a un ser amado, ao máis amado, cando xa a ciencia non pode facer nada. Moitos dos que din non á eutanasia, confían na milagre da fe. Non me parece mal. Que non a soliciten, entón. Pero que non nos obriguen aos que temos máis esperanza na ciencia que na fe a sufrir coma cans, a desgarrarnos, a padecer dunha maneira que é radicalmente inhumana. Non deixamos sufrir así a un can. Levámolo ao veterinario. Non nos parece humano. Por que coas persoas si?

Os que din non á eutanasia son os mesmos que din que non ao aborto aínda que o embarazo sexa froito dunha violación a unha menor de idade, por exemplo. Din non e de poder obrigarían ás mulleres a abortar na clandestinidade, en condicións insalubres, poñendo en risco as súas vidas. A non ser, claro, que papá teña cartos para sacalas do país e que o fagan en cómodas clínicas privadas noutro país onde sexa legal, como pasaba antes. Os que din non á eutanasia son os mesmos que se opuxeron no seu día ao divorcio, e que quererían obrigar, por exemplo, ás mulleres maltratadas e en risco de ser asasinadas a seguir atadas (ata que a morte as separe, nunca esa frase foi máis lapidaria) ao seu potencial asasino. Os mesmos que se opoñen a que o colectivo LGTBI teña os mesmos dereitos que calquera outra persoa como as que eles cualifican como «normais».

Insisto: a eutanasia é un acto de amor. Queda aquí a mensaxe para os meus fillos: se o vedes claro, e o meu sufrimento é insalvable pola ciencia, pedide a eutanasia para min. Por amor.