A vaquiña polo que vale

José González Vázquez TRIBUNA

OPINIÓN

19 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

¿Canto vale a vaquiña?

Depende.

Desde a Xunta de Galicia non imos dicir cal debe ser o prezo de, por exemplo, un litro de leite. Pero o que si imos facer, con toda a contundencia, é dicir cal non pode ser o seu prezo.

Non pode ser un prezo tan baixo que non alcance a cubrir custos e permita a venda a perdas. Non pode ser un prezo que ofenda a nosa produción infravalorándoa, tendo en conta a alta calidade que representa o noso agro.

En definitiva: o prezo debe ser, sempre, igual ou superior á seguinte suma:

(Custo de produción + marxe de beneficio)

Nós non marcamos cal é o prezo, pero dicimos que prezo non será.

Porque... a vaquiña polo que vale.

O esforzo e dedicación dos agricultores e gandeiros por producir alimentos sans e de xeito sustentable (respectuoso co medio ambiente e co territorio) ten que ter a súa xusta recompensa. E de xeito equilibrado en relación cos demais axentes da cadea de valor. Se, actualmente, o agricultor e o gandeiro son o elo máis débil desa cadea, con toda a razón deben ter unha maior protección desde o punto de vista lexislativo. Isto pasa pola modificación do marco lexislativo estatal para a prohibición da venda a perdas no sector primario.

A Xunta de Galicia está a facer os seus deberes. Puxemos en marcha as estratexias do sector lácteo e vitícola, e proximamente do cárnico, tendo como un dos seus obxectivos fundamentais o establecemento duns criterios de custos claros por tipoloxías de explotación; que terán logo que servir de índices de referencia para evitar e perseguir a venda a perdas.

O que lle pedimos ao Goberno central é que lexisle con celeridade e de inmediato nesta dirección. Se ben é certo que non se poden fixar prezos mínimos por normativa de competencia, estamos vendo que noutros países da Unión abren camiño á posibilidade de lexislar para construír os prezos a partir do custo do produción máis un marxe de beneficio.

Así o fixo Francia no 2018 coa Lei Egalim, e a Unión Europea avanza cara a unha maior protección coa Directiva 2019/633, relativa ás prácticas comerciais desleais na cadea de subministración agrícola e alimentaria. O Goberno estatal, de maneira inmediata, debería aproveitar a transposición da Directiva -aínda sen facer- para acadar este obxectivo.

Feitos, e non palabras. Pedimos respecto, compromiso e lexislación.

Canto vale a vaquiña?