Dereito ao silencio?


Écurioso como funciona a memoria en España, este país en que enterramos moi ben. Tanto, que nin sequera nos permitimos a delicadeza xornalística de facer biografías completas de mortos estranxeiros, con acertos e fracasos. Por que estamos dispostas a soterrar cos homes as súas sombras? Por que somos quen de abandeirar consignas coma «eu si te creo», «eu tamén» e «destapa a cada porco» ao tempo que pensamos que eses mesmos porcos teñen dereito a ocultarse cando morren? Por que nos parece que as acosadas vivas non merecen unha memoria digna tanto coma os acosadores mortos?

Claro que, en tratándose de señoros, o de soterrar de marabilla traspasa fronteiras: cando morreu Kobe Bryant, ao Washington Post deulle unha perrencha máis propia de Twitter ca dun xornal de prestixio planetario e suspendeu á autora do obituario por lembrar un caso de violación en que o xogador se viu implicado. Reincorporárona despois de que xornalistas de todo o mundo lembrasen que ocultar datos non é precisamente avogar pola información veraz da que tanto fachendea o Post. Mais dígoche filla, enténdeme nora: acaba de morrer Kirk Douglas e as feministas do mundo temos enriba este pertinente aviso para non pasarnos de listas e ensombrecer os fastos da súa correspondente santificación. Nin que fose Gandhi.

O feminismo é así de molesto. É implacábel cando se tenta corrixir o pasado para lograr que os violentos se convertan en deidades. Pero lembrar a verdade cando morren é tamén avisar de que non hai salvación posíbel para quen maltrata mulleres. Non é exemplar quen ten o moedeiro preste a resolver molestias, senón quen se enfronta ao poder para facer valer a súa dignidade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Tags
Comentarios

Dereito ao silencio?