Oposición e democracia

OPINIÓN

27 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Por suposto, a oposición forma parte da democracia, tanto que esta non existe se aquela está ausente. Xusto por iso é tamén claro que, en democracia, non pode facerse oposición contra a democracia nin contra as súas institucións. O malo é que algo tan evidente acostuma esquecerse. Maiormente, aquí e nos días de hoxe.

Un partido pouco ten de democrático se confesa abertamente que o seu obxectivo é facer que o Goberno elixido caia canto antes, e isto, para máis, antes de terse constituído. Porque tal cousa nada ten que ver coa finalidade da oposición, que non é outra que controlar o Goberno, pactar con el cando sexa posible ou conveña, e, dende logo, opoñerse ao seu labor cando se pense que non é bo para o ben común.

Unha mala política dende a oposición -que, por exemplo, non respecte as institucións ou que as banalice- é unha política contra a democracia, porque, neses supostos, ao se resentir as institucións, é a democracia a que non se respecta ou se banaliza, e rematará por quedar eivada no seu propia ser e natureza.

Non se pode ter por democrática unha política que converte o Parlamento nun circo, no que priva a falta de respecto, no que se berra e se arma rebumbio e non se escoita, e se xesticula de maneira desavida, porque a natureza e finalidade do Parlamento é outra, e o exercicio do mandato concedido pola soberanía esixe en todo caso dignidade.

Despois xa de tantos anos de democracia, é ben pouco o que levamos aprendido. Máis ben semella que temos recuado nos usos democráticos. Outra maneira de facer política contraria á democracia, pois eses usos son, ou deben ser, as maneiras propias da dignidade que os comportamentos políticos nos esixen. Deben ser os pousos dos que xorde o mellor do estilo democrático.