Ás veces iniciamos o novo ano motivados ao cambio, pero hai cousas que permanecen. Neste 2020 seguimos falando de conciliación. Hai uns días lin neste xornal un artigo moi interesante sobre o tema. Nel formulábanse preguntas que poden ser frecuentes e respondíase segundo o que a lei ditamina, axudando a resolver dúbidas.
Pero o problema máis grave é o que queda fóra da lei. Que pasa se unha nai, despois de selo, quere incorporarse ao mercado laboral e conciliar? (E digo nai porque na case totalidade dos casos son elas as que se fan cargo dos fillos). Optará a un posto de traballo cunhas condicións determinadas. Posiblemente non se adapte ao horario dos colexios, das actividades... Por moito que sexa a mellor candidata, non van modificar as esixencias para darllo a ela. Quizais se xa estivese traballando podería pedir redución de xornada, pero chegar de nova non se contempla na lei.
Por poñer un caso, pois hai infinidade de situacións reais e comúns que quedan á marxe do regulamentado. É complicadísimo incorporarse ao mercado laboral tendo fillos pequenos. Estudar tamén. Como, cando, onde? A cachiños, entre levalos ao colexio, prepararlles a merenda, facer a comida e volvelos recoller? Con eles na casa armando lea nun cuarto?
Agradezo as leis existentes, pero creo que a conciliación non comezará sequera a imaxinarse mentres non exista un funcionamento social xeneralizado no que os horarios dos centros educativos e das empresas sexan compatibles. Aí está o cerne da cuestión.