Soubemos por unha «arenga» asinada pola presidenta de ADIF que o AVE vai chegar á Galiza, non en prazo, pero si con todos os aditamentos necesarios para que sexa seguro. Alentamos aliviados. Chega, ha chegar, e chegará ben. Non como o intento aquel de tan mal acordo do Alvia. Lembren, xullo do 2013: 80 mortos e 144 feridos, e unha lesión colectiva no país que tardará décadas en ser esquecida. Agora non vai haber ningún dos problemas que -recoñece implicitamente- houbo noutras ocasións: sen xogo de tronos (debo recoñecer que non sei o que pode significar), sen avatares como os do pasado, sen barreiras de ningunha índole, e por fin con ERTMS nivel 2 desde Madrid: máxima seguridade, máis avanzado, máxima capacidade da infraestrutura, máxima fiabilidade. Seica podían telo posto cun sistema convencional español (sería ese o do Alvia?) pero non, imos ter sorte e vai completo: de clase premium.
O malo da cuestión é que se pode aguar a festa: hai economistas, á parte de min mesma, que denominan o AVE bicho de mal agoiro: porque nunca chega, taponou outros investimentos, é un negocio maduro e precisado de subvención, porque a chamada Alta Velocidade Española non vai resolver os problemas de comunicación terrestre en Galiza, e, finalmente, nunca se chegará a alcanzar a cifra de 7 millóns de pasaxeiros precisos nese negocio. Se o tren serve para garantir o servizo de transporte de viaxeiros e de mercadorías, na Galiza sufrimos de xeito clamoroso a ausencia da comunicación vía férrea máis escandalosa desta parte de Europa: non hai conectividade entre o aeroporto central e as cidades co tren, e tampouco dos portos. E logo os casos flagrantes: en Lugo tanto lles ten que chegue o AVE ou a galiña: non hai servizo a ningunha outra capital galega en tempo e forma actuais: A Coruña 1 hora e 37 minutos no mellor caso (dous servizos ao día); a Santiago non hai tren e non o vai haber; a Ourense hai dous servizos pola mañá e o mellor tempo é de 1 hora e 35 minutos pero pode durar dúas horas. Non hai comunicación de Ferrol con ningunha cidade en tempos do século XXI. De Lugo non se pode viaxar á Mariña en tren, simplemente falta a vía. E recen: peche sistemático de estacións, de apeadoiros, e de servizos antes prestados por Renfe. E, agora, así parece, como estamos en tempo preelectoral hai que celebrar este “momento histórico”… Realmente quixeramos poder escoitar que existe unha planificación para conectividade e vertebración galega, xa que para saír e entrar hai medios abondo, e nunca faltaron.