O «hipno» de Verónica

Pedro Puy
pedro puy TRIBUNA

OPINIÓN

22 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Verónica, unha rapaza arxentina de clase acomodada, adicaba a maior parte do seu tempo a ir de festa en festa; porque a mellor festa sempre estaba por chegar. Nunha delas, falouse sobre o que cada un dos asistentes pediría de poder ter o que quixese sen ningún tipo de límites. Verónica, protagonista dun dos Breves amores eternos do escritor arxentino Pedro Mairal, pedíu un hipnotizador persoal. Un hipno que lla durmise nos momentos aburridos, como cando ía dunha festa a outra; e a espertase nos momentos de acción. 

A política española leva, como Verónica, catro anos de festa democrática. Catro anos, catro eleccións xerais. Rematada a X Lexislatura, última de duración normal, houbo eleccións xerais en decembro do 2015. Como consecuencia do «no es no» do candidato Sánchez, fomos a eleccións novamente en xuño do 16. En marzo do 2019, e tras ser incapaz de manter a maioría que o levou á Presidencia na moción de censura para aprobar os seus primeiros orzamentos, o xa presidente Sánchez convocou eleccións. Tras elas, novo fracaso na investidura, e novas eleccións en novembro. En resumo: desde outubro de 2015 só levamos 2 anos e catro meses de goberno en plenitude de funcións, e case dous anos con gobernos en funcións e as Cortes practicamente sen estrearse. E así seguimos hoxe, xa na XIV Lexislatura, esperando a que Sánchez sexa capaz de sacar adiante, dunha vez, unha investidura.

Mentres tanto, as cousas van cambiando. A economía, aínda crecendo, está a desacelerarse. O déficit público non deixa de medrar: desde o 1,3 % comprometido á altura da moción de censura, o Goberno de Sánchez negociou relaxar o déficit ao 1,8 %; para despois, no Plan de Estabilidade, elevalo ao 2 %, cunha lixeira protesta da Comisión Europea. Protestas que foron máis intensas diante das previsións orzamentarias para o 2019, que a Airef xa pronosticaba en outono, que deixarían o déficit no 2,1 %; e que o Banco de España, a semana pasada, xa eleva ao 2,5 %. Primeiro ano perdido para a estabilización económica desde a crise. E é que, para pasalo ben e obter bos resultados nas festas democráticas, hai que gastar cartos, aínda que xeren déficit. E, se fai falla, obrígase aos demais a pagar: se lles deixa de ingresar ás comunidades autónomas unha mensualidade do IVE que lles corresponde (200 millóns a Galicia), e que sexan elas as que decidan onde e como recortar para compensar o déficit do Goberno central.

As xeneralidades tributarias que se anuncian para contentar a Podemos están a paralizar os investimentos das empresas; que, ademais, en previsión dos males maiores que se concreten cando se coñeza a letra miúda (e, de momento, segreta) deses pactos, adiantan reparto de dividendos, cando non pensan, como as electrointensivas, en pechar. E a conversión do que eran «problemas de convivencia entre cataláns» nun «conflito político» que obriga a negociar, non semella contribuír a xerar confianza en xeral.

Segundo a Asociación Americana de Psicoloxía, a hipnose é unha condición humana que conleva unha forte capacidade de concentración nunha materia; unha redución da conciencia periférica; e unha mellora da resposta á suxestión.

Mágoa que Sánchez, personaxe moi real, atopara un hipno que o mantén, entre elección e elección e mentras chega a mellor das eleccións, concentrado na investidura, inconsciente do que está a ocorrer na periferia, e hipersensible ás suxestións dos independentistas que lle poden dar a Presidencia. Verónica, personaxe ficticia, non atopou o seu hipno. Casada cun home que nin lle estala os dedos nin lle estala nada, vive aburrida en Nova Iorque.