As guerras do litio

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

20 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Bolivia é un país hispanoamericano de peculiar estrutura xeográfica e étnica, seica debuxado no mapa sen moito sentido. Alí houbo graves sucesos políticos dos que La Voz fixo cumprido seguimento e tras dos cales é doado deducir grandes intereses estranxeiros polas materias primas: o gas natural, á baixa, e o litio, á alza. De feito, repítese que en Bolivia hai unha «guerra do litio, o petróleo do século XXI», pois o país andino ten o maior depósito dese mineral no mundo.

Antes de estalaren eses conflitos bolivianos, La Voz ocupábase doutro, de moito menor escala e moi próximo a nós: o da grande mina de Montalegre, nesoutra Galicia que en Lisboa chaman «o Norte». Unha reportaxe falaba do maior depósito de litio de Europa e axeitadamente trataba dos usos a dar ao metal nos artefactos con acumulación de enerxía eléctrica máis visibles: coches, electrodomésticos e dispositivos de radio celular.

Ora, segundo se espalla a Internet das cousas, prevese que a demanda de litio aumente de maneira explosiva para as pilas de miles de millóns de sensores e actuadores instalados en outras tantas máquinas industriais, vehículos, aparellaxe doméstica... conectados á rede de redes vía radio e sen posible alimentación desde a rede eléctrica. Se cadra, esa é a razón profunda das guerras do litio.