O suicidio

OPINIÓN

María Pedreda

28 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O suicidio é un acontecemento devastador, que trunca as vidas de moitas persoas, das que falecen e das que sobreviven.

Trunca a vida dos achegados, tamén sobreviventes: familia, amizades, compañeiros de traballo ou de escola, que sentirán o enorme baleiro da falta, pero tamén o muro de silencio que levantamos na sociedade fronte ao que non entendemos, e que nos obriga a reflexionar sobre o que facemos, como vivimos e como convivimos. É unha realidade dura, que custa aceptar e asumir, e que crea sentimentos moi fortes: culpa, vergoña, frustración, incomprensión, abatemento, rexeitamento.

É unha circunstancia que tampouco deixa indiferentes aos profesionais que atenden, interveñen, tiveron contacto ou son testemuñas do suicidio: ao persoal sanitario e educativo, aos profesionais das forzas e corpos de seguridade do Estado, aos forenses ou a quen estaban no lugar do tráxico suceso, como pode ser o persoal ferroviario, que viven en primeira persoa a traxedia dunha morte violenta. Estes últimos poden necesitar atención psicolóxica con carácter inmediato.

Hai situacións de suicidio que se fan públicas polas circunstancias do pasamento, converténdose en noticias de televisión ou xornais. Nese caso, os medios de comunicación terán unha responsabilidade fundamental á hora de trasladar a información á opinión pública. Ha de prevalecer a difusión de información rigorosa e ética, fuxindo do sensacionalismo dos detalles que non achegan información pero crean un dano innecesario na memoria das persoas falecidas e no impacto emocional dos achegados.

Os gobernos, como representantes da sociedade, teñen unha obriga ineludible á hora de previr os factores de risco do suicidio, que son complexos pero non misteriosos e inabordables. A OMS subliñou as principais estratexias preventivas: campañas de sensibilización e concienciación social; formación ao persoal implicado, non só sanitario; identificación e intervención ás persoas en risco de suicidio e posvención aos sobreviventes (incluídos os traballadores implicados nos labores de emerxencia ou testemuñas directas); tratamento adecuado da información nos medios; ou restrición aos métodos máis utilizados, identificando os puntos de maior risco, como son as proximidades das vías de tren, creando barreiras de acceso.

E, sobre todo, os gobernos teñen a obriga de intervir decididamente nos condicionantes estruturais que máis pesan no malestar e sufrimento da sociedade: as violencias, os abusos, a discriminación, as adversidades económicas, todas as condicións que, en definitiva, nos afastan dunha vida digna, con frecuencia xa nos primeiros anos de vida. Non podemos deixar atrás ás persoas en situación de vulnerabilidade.