Cal é a mellor xornada escolar?

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

28 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Outra vez estanse a cuestionar decisións transcendentais tomadas no sistema educativo. Tócalle agora ao horario escolar. A Sociedade Valenciana de Pediatría presentou un informe que arremete contra a xornada escolar continua, vixente na maioría das autonomías, e que critica tamén a capacidade da comunidade educativa para tomar a decisión do tipo de horario de cada centro, pois téñense máis en conta os intereses de pais e mestres que os dos alumnos. Os pediatras avogan por unha xornada partida, con moito tempo libre no medio, para xantar e descansar. Nada máis e nada menos que o clásico horario vixente ata non hai moitos anos, especialmente na etapa de primaria! Pero non facía falta esperar ao século XXI para ter un informe sobre esta cuestión. No XX, en concreto no ano 1993, presentábase en Galicia un exhaustivo traballo sobre a xornada de sesión única, dirixido polo profesor Caride Gómez, da USC.

A curva da fatiga escolar iníciase cunha baixa atención a primeira hora da xornada, que medra despois ao longo de máis dunha hora, para descender lentamente a continuación. Pola tarde, en contra dunha postura moi estendida, volve incrementarse do mesmo xeito. Polo tanto, nunha xornada de sesión única de cinco horas, como son as actuais, o rendemento do alumno baixa moito a partir de media mañá, o que non ocorre coa partida, na que hai polo menos dúas horas de descanso entre sesións. Nese tempo pódese organizar un servizo de comedor escolar, con ben tempo para que os nenos xoguen antes de iniciar a xornada da tarde. Ademais, pódese prestar máis atención ao aspecto educativo deste servizo, que non resulta doado co actual horario.

Témonos equivocado ao elaborar unha normativa que, na práctica, deixa nas mans dos pais a decisión sobre o tipo de xornada que, obviamente, xeneralizouse como continua. Esta pode ser boa para a conciliación de familia e traballo, pero non para o rendemento dos alumnos, pois diminúe a súa capacidade de concentración nas últimas sesións da mañá. Pero estas razóns pedagóxicas non primaron, e agora unha volta atrás sería moi difícil, aínda que varios países da UE están xa a rectificar. A xornada partida non ten por que ir en contra das familias, pois sería cuestión de reorganizar os comedores e as actividades extraescolares adaptándoos a tempos que garantan a conciliación. Pero sempre habería o problema de que moitos alumnos teñen que entrar cedo no centro, con independencia da hora de comezo da actividade lectiva. Tendo en conta que no noso país hai o costume de deitarse tarde, a falta de sono resulta un factor negativo. Os rapaces pasan demasiadas horas na escola e a familia non está aproveitando as que lle quedan para estar con eles e levar a cabo unha educación que non pode ser delegada no centro educativo.