A dignidade do voto

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

XOSÉ CASTRO

10 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos meus tempos de infantería no xornalismo tocoume cubrir a campaña das primeiras eleccións democráticas, as de xuño de 1977, nas terras do Condado, ao sur da provincia de Pontevedra. Coido que era un mércores, día laborable. Na Semana Santa daquel ano, o día de venres santo, o Goberno que presidía Adolfo Suárez, que algúns denominaban «gabinete de PNNs» pola súa falta de experiencia, dera un espectacular golpe de audacia legalizando o Partido Comunista de España, a besta negra, diaño rabudo no imaxinario dominante da dereita que saía da ditadura, símbolo da destrución de España no discurso que durante 40 anos Franco introducira nas consciencias da poboación.

Lembro aquelas eleccións no Condado porque era un día laborable e porque todo era confusión: para constituír as mesas, para ordenar e contar os votos, para instalar os interventores e as urnas… Algún presidente de mesa presentouse no cuartelillo da Garda Civil para pedir autorización e preguntar se podía exercer o que se lle encomendaba, como quen vai pedir un certificado de antecedentes penais. Sentíase unha certa ansiedade no ambiente, seguramente incertidume, mais tamén unha gran curiosidade. Algo ía pasar e por primeira vez en corenta e un anos a xente tiña dereito expresarse.

A imaxe que teño daquel día podo representala na estampa de dous vellos que baixaron a media mañá dende a parroquia de Santo André de Uma, terras altas da bisbarra. Habían ter perto de oitenta anos, mais conservábanse ben. El tiña a fasquía do patrucio da montaña, fardado co traxe dos domingos, que parecía que o sacase da arca do día da voda, toucado cun sombreiro negro de feltro, e ela tamén de festivo, os dous collidos do brazo. Preguntaron pola mesa onde tiñan que votar e, cando dixeron de onde viñan, acordeime do meu avó Valeriano, que era destas terras e falaba das eleccións da República, de cómo algúns señores contrataban mozos da montaña para rebentar as votacións con mocas e forcadas. A elegancia do matrimonio de Uma era impresionante. E as súas formas impecables, non sen certa inseguridade e confusión, repito. Neles pensei cando decidín poñer titulo a esta marea: a dignidade do voto.

As eleccións do 77 gañounas a UCD (165 deputados) seguida do PSOE (118), o Partido Comunista de España (20), Alianza Popular (16), o PSP de Tierno Galván (6)… A participación foi de case o 79 %, mais a chamada «sopa de letras» era impresionante. Presentáronse 589 candidaturas. En Galicia teño memoria de entre 13 e 14 por provincia. Entre nós gañou espectacularmente a UCD (20 ), AP (4) e o PSdG-PSOE (3). Daquela xeira naceu a Constitución que nos gobernou durante catro décadas. Como no conto de Rafael Dieste, os velliños de Santo André de Uma, logo de depositar o voto, tornaron paseniño para as súas altas caeiras da montaña.