Seny y rauxa


Seny y rauxa -sensatez e arrebato, en galego- son, segundo Vicens Vives, un dos creadores da moderna historiografía en España, peculiaridades que conforman o carácter catalán. A min paréceme que de asisados e arroutados todos temos algo, pero seica os cataláns aceptan que o son en maior grao e con iso explican a súa ensarillada historia dos tres últimos séculos. Ata onde chega a miña memoria, no decorrer histórico de Catalunya vin impoñerse ás veces o seny e outras a rauxa. E no da política tamén.

En 1977 o PSOE fixo unha oferta moi xenerosa ao Partido Socialista de Catalunya -a mesma que ao PSG en Galicia-para compartiren candidaturas nas primeiras eleccións da democracia. Os dirixentes do PSC dubidaban porque fixeran un mitin en Barcelona e acudiran 50.000 persoas, que eran moitas; pero cando Felipe González deu outro e a cidade quedou paralizada, o seny fíxolles aceptar a oferta de contado e a coalición socialista obtivo 15 escanos e UCD 6.

Naquelas eleccións non puido participar Esquerra Republicana de Catalunya por non estar legalizada. A xunta electoral propuxera aos líderes concurrir como Esquerra Nacionalista de Catalunya, pero non aceptaron e foron en coalición co Partido do Traballo. Só obtivo escano Heribert Barrera, secretario de Esquerra. En 1979 participaron como Esquerra Republicana e pola súa conta, pero o resultado foi o mesmo. Nas autonómicas de 1980 conseguiron 14 escanos, moi por debaixo do PSC, que chegou aos 33, e do PSUC -os comunistas cataláns-, que obtivo 25. Esquerra Republicana, o partido que arrasara en 1931, o de todos os presidentes da Generalitat -Maciá, Companys, Irla, Tarradellas-, estaba en horas baixas e, endebén, Heribert Barrera, home con seny, cría que Esquerra «é a alma de Catalunya» e volvería gañar a confianza do electorado. Non foi así ata que, despois de varios altibaixos e crises, chegou Oriol Junqueras coa rauxa baixo o brazo e nas últimas eleccións xerais Esquerra acadou 15 escanos e o PSC 12.

Tense falado moito do seny catalán e moi pouco da rauxa. Porén, a rauxa levou aos federalistas cataláns «intransixentes» a tentar un golpe de Estado contra a Primeira República, recén nada, para proclamar o «Estado catalán». E foi a rauxa quen levou ao presidente Companys a facelo, en 1934; e ás milicias independentistas a defender coas armas a República catalá contra o exército español.

Ante a violencia destes días en Catalunya, co president Torra como encarnación da rauxa, volvo a Vicens Vives, quen, en 1954, escribía:

«Ser arrauxat es, precisamente, andar falto de seny, obedecer a impulsos emocionales, actuar según determinaciones repentinas. En estas circunstancias nos dejamos llevar por la pasión, sin sopesar las realidades ni mesurar sus consecuencias. Somos entonces los hombres de la llamarada y de las actitudes extremistas. Nuestro sentido de la ironía nos falla y salimos a la calle devorados por un exceso de presión sentimental».

Pois espera a que chegue Guardiola e, no medio, empece a repartir xogo. A rauxa pode gañar ao seny por goleada.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
49 votos
Comentarios

Seny y rauxa