Corvus corax


«Quen corvos cría os ollos lle comen». «Corvo agoireiro vaite lixeiro, que nesta porta non hai carne morta». «Chegan os defuntos e chegan os corvos todos xuntos»… En moitos lugares de Galicia, cando os corvos aparecen e se senten as súas grallas é sinal de que a morte anda preto. A relación entre os corvos e o negativo, incluso coa morte, é clara na cultura popular galega, igual que en boa parte de Europa. Aínda que, por outra banda, tamén son considerados animais moi intelixentes, incluso capacitados para falar. Non obstante, e pese ás connotacións negativas e escuras desta ave, relacionada, entre outros, coa deusa celta da destrución e a morte Morrigan, a raíña espectral, tamén o está con Lug, un dos máis importantes deuses desta cultura, ou mesmamente co deus grego do sol, Apolo.

Protagonista en moitas ocasións da ficción humana tanto na literatura de autores como William Shakespeare, Edgar Allan Poe, Stephen King, etcétera, tamén o foi no cine con Alfred Hitchcock naquela película titulada Os paxaros na que aterrorizou a medio mundo. En Galicia tamén tivo o seu protagonismo grazas ao noso bardo Eduardo Pondal, quen lles conferiu un carácter fero e mitolóxico asociado ao celtismo do pobo galego, en concreto á comarca de Bergantiños.

E nos lindeiros desta comarca é onde vivo eu e gozo do canto ás veces ata molesto (cando o fan colectivamente) destes paxaros que non teñen paraxe e que observo con admiración. Téñolles visto facer cousas ben curiosas, incluso verdadeiros rituais que non chego a entender.

Algo que sempre me pasmou é velos actuar no camiño que sobe para a casa. Na súa beira hai unha nogueira que no tempo correspondente pinga noces que eles pillan co seu peteiro e minuciosamente colocan no camiño para que cando pasen os coches as escachen, e así poder comer o seu froito, que, polo que se ve, tanto lles sabe. Eu miro isto dende a miña fiestra e admiro a intelixencia destes animais tan deostados popularmente, coma moitos outros, e que o tempo e as nosas crenzas os converteron en todo o contrario do que en realidade son. E agora, que polo visto poden ser un bo aliado contra a invasora e preocupante avespa asiática, aínda me gustan máis.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
51 votos
Comentarios

Corvus corax