Un exercicio de normalidade que chega tarde

Rubén Afonso Lobato MEMBRO DA DIRECCIÓN DA COMISIÓN POLA RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA DE A CORUÑA

OPINIÓN

29 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Para o movemento memorialista, que o Tribunal Supremo obrigue a saída dos restos do ditador Francisco Franco da Basílica do Val dos Caídos supón un «antes» e un «despois». O «antes» é a impunidade con que se enterraron nese lugar máis de 33.000 corpos, sen consultar coas familias no caso do bando republicano, e perfectamente identificados nos que viñan polo bando franquista. O «despois» significa o que é esta resolución, que ven a propoñer a chegada do tempo da xustiza, da auténtica xustiza que non honra nunca a un ditador. Chegou alí onde miles de presos tratados coma escravos construíron o mausoleo do seu verdugo. As familias das vítimas do franquismo acadarán un algo de paz. O que tería que ter sucedido hai xa moitos anos principia acontecer.

Agora hai algunha razón para que a Comisión da Memoria Histórica de A Coruña principie reconciliarse co sistema xudicial español que tanto desprezou ás vítimas. Aínda hai milleiros delas que seguen esperando que os xuíces cumpran cabalmente a Lei 52/2007 da Memoria Histórica e se decidan a recoller das gabias das estradas e tapias dos cemiterios do país os corpos de tantas e tantos españois que non cometeron outro crime ca o de defender dun ou doutro xeito un Goberno lexítimo, que era o Goberno da República. O movemento memorialista xunto aos corpos das vítimas do franquismo reclamamos tamén a restitución dos seus bens.

En Galicia, e en todo o Estado español, as súas autoridades e veciñanza veñen presionando para que rematen situacións totalmente inxustas provintes do franquismo, entre as cales podemos citar as seguintes:

1.- Espolio do patrimonio público do Pazo Meirás e da Casa Cornide de A Coruña.

2.- Espolio de bens da cultura coma as esculturas de Abraham e Isaac.

3.- Enterramento do xenocida Queipo de Llano da Basílica da Macarena, en Sevilla. E moitas máis expresións do franquismo que durante 40 anos esmagou as liberdades neste país, non abondando os máis de 40 anos de democracia para que nas nosas vidas non existan tantas referencias herdeiras da ditadura.

Todo isto é necesario para poder pasar páxina dunha vez por todas. Para facelo, cómpre que as vítimas e as súas familias sexan recoñecidas. Só cando o patrimonio cultural da nosa terra sexa restituído poderá clarear a luz da reconciliación. Sen revanchismo.

Por suposto, nos queremos que os restos do ditador Francisco Franco non continúen en Cuelgamuros; pero con contundencia tamén reclamamos que o franquismo marche definitivamente das nosas vidas. Cumprindo o mandato da ONU: verdade, xustiza, reparación e garantías de non repetición.