A síndrome de Dunkerque

Serafín Pazos Vidal DECOTÍO

OPINIÓN

TOBY MELVILLE

19 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando no 2010 a erupción do volcán islandés Eyjafjallajökull levou a que o tráfico aéreo de toda Europa se paralizara durante unha semana o daquela primeiro ministro británico, David Cameron, enviou a Santander os buques de guerra da Royal Navy. Oficialmente para rescatar os miles de turistas varados no «continente»; na práctica, para poder vestirse coas mesmas roupas de Churchill cando, en 1940, e ante a inminente destrución polos nazis da Forza Expedicionaria Británica en Dunkerque, mandou evacuar a 300.000 soldados cunha frotiña improvisada de barcos de pesca. Así, o que foi un desastre que levou a catro anos de guerra en Europa occidental converteuse nun milagre de liberdade, fundacional da identidade británica moderna. Ou así se contou, máis recentemente, pola película do mesmo nome de Christopher Nolan, cos disciplinados soldados agardando a súa quenda para embarcar nas praias francesas e valentes paisanos botados ao canal da Mancha con lanchas de recreo.

 O caso é que estes triunfos na derrota e a dialéctica verbo de calquera cousa que veña do outro lado do mar do Norte (non tanto así se vén do outro lado do Atlántico) non é só cousa da prensa popular e populista ou da imaxinación dalgún correspondente en Bruxelas logo metido a primeiro ministro; forma parte do nacionalismo banal británico. O pasado e a relación con Europa están presentes implicitamente no día a día. Cada pouco tempo a BBC fai un documental sobre a vitoria sobre a Armada Invencible (outro mito fundacional) cando é un tema que apenas se trata nos medios ou nos libros de texto españois. Tamén obvio no xeito de cubrir as noticias do resto do continente, excesivamente centradas nos sucesos ou nas curiosidades.

Por moito que Gran Bretaña pareza dividida por «Europa», na realidade trátase dunha pelexa polos valores dominantes que a definirán nas próximas décadas. Se un rabuña un pouco, non semella que as actitudes duns e doutros sobre o proceso de integración europea sexan moi diferentes. No caso improbable que decidiran permanecer na UE é bastante seguro que pedisen aínda máis excepcións como prezo á súa permanencia. E, se non hai acordo, a culpa é dos outros. Europa só é o campo de batalla, non un dos contendentes.