Pedir perdón

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

12 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Totalmente a favor da presunción de inocencia, pero non nos pasemos. O PP foi absolto pola destrución dos ordenadores do seu extesoureiro, o que indica que non puideron probar que o fixeran eles e con mala intención. Claro que as intencións son sempre malas de probar...

 Ademais, é algo que facemos todos na nosa casa, verdade? De cando en vez, borrado profundo dos discos duros. Ou non? Miren vostedes se serei ignorante que non sabía sequera que existía unha forma especial de facelo para non deixar pegada. Que inocentiña! Ah, que vostedes non limpan así o ordenador? Nin sequera se se lles estraga? Non me digan!! Pois seica é o habitual. Que pouco postos estamos en informática, por favor.

O caso é que saíron absoltos.

Vale, acepto. Pero de aí a que os partidos opoñentes lles teñan que pedir perdón, que queren que lles diga... Certo é que nunca está de máis desculparse, pero daquela, como mínimo, deberan todos pedir perdón polo saqueo ao que nos someten. Estamos rodeados pola corrupción.

Xa non lembran como operan os nosos políticos? Temos casos a dar cun pé. Púnica, Gürtel, Palau, Malaya, Pujol, ERE, Bárcenas, Pretoria, Lezo, Brugal, Fabra, Pokémon, Nóos, Palma Arena, Campeón... e podería seguir.

Hai case un centenar de políticos en prisión cumprindo condenas de corrupción. Que lles parece? España podería ser un país moi rico e próspero para todos. Agora só o é para uns poucos.