Un dos grandes intelectuais que se fixeron sabios no noso país (empresa case heroica) foi don Ángel Amor Ruibal, nado en San Verísimo de Barro (Pontevedra) o 11 de marzo de 1869 e falecido en Santiago, non vello aínda, o 4 de novembro de 1930. A súa inxente obra de filósofo e teólogo eclipsou sempre os seus traballos de filólogo, as súas achegas á Lingüística Xeral, recolleitas, fundamentalmente, en dous grosos volumes co título Los problemas fundamentales de la filología comparada. Su historia, su naturaleza y sus diversas relaciones científicas (Santiago, 1904 e 1905). Daquela, en España, ninguén posuía a vasta información filolóxica de don Ángel nin coñecía os idiomas antigos e modernos nos que este humilde profesor compostelán era experto (grego clásico, latín, sánscrito, alemán…). Pouco tempo despois, o polifacético Amor Ruibal centrouse nunha obra que eclipsou outros labores intelectuais seus: os dez volumes de Los problemas fundamentales de la filosofía y del dogma (1914-1936).
Don Ángel, como filólogo, como profundo coñecedor dos problemas da Lingüística Xeral, tardou en ser reivindicado. Hai que chegar a decembro de 2005, data na que Andrés Torres Queiruga, Antonio Domínguez Rey e Pablo Cano López organizaron un simposio internacional no Consello da Cultura Galega (Santiago) cuxas actas foron publicadas, en 2009, no volume Amor Ruibal, filólogo. Aínda me impresionan hoxe as palabras iniciais do relatorio do profesor Johannes Kabatek: «Quen lea por primeira vez a Amor Ruibal preguntarase como é posible que fose preterida unha obra de semellante importancia. Dá a impresión de ser unha falsificación, unha fraude urdida por algún historiador de lingüística, xa que é dificilmente imaxinable que unha obra así puidese pasar inadvertida».
Pois pasou, e pasou con caracteres, ás veces, verdadeiramente impensables. En 1907, nunha nota do número 12 do Boletín da Real Academia Gallega, infórmasenos de que Los problemas fundamentales de la filología comparada xa circulaba pola Europa culta en tres traducións (italiano, holandés e húngaro), traducións que, nin onte nin hoxe, ninguén ten verificado.
Cómpre ter en conta que don Ángel, xa de cheo na súa creación intelectual de filósofo e teólogo, estaba atento á bibliografía lingüística máis avanzada que producían os departamentos universitarios europeos. En abril de 1993 visitei, no Seminario de Santiago, a biblioteca de Amor Ruibal coa esperanza, case evidencia, de que figuraría, entre os seus libros, un exemplar da primeira edición do Cours de Linguistique génerale, de Ferdinand de Saussure, impreso en Xenevra en 1916, tres anos despois do pasamento do autor. Xa é un tópico afirmar que este libro inicia, no mundo, a Lingüística moderna. Pois ben, o libro estaba alí… sen abrir, pero estaba.
Don Ángel Amor Ruibal tamén fixo algunhas incursións na Lexicografía galega. Un devoto discípulo seu, o poeta Xosé Manuel Cabada Vázquez (1901-1936), revelounos nunha nota necrolóxica que o mestre estaba moi interesado na tradución galega de determinados textos eclesiásticos (o Catecismo do P. Astete, o Kempis). Hoxe sabemos que o propio Cabada deixou inéditas algunas destas traducións. Cumpriría, neste sesquicentenario, homenaxear a don Ángel como lingüista, que o foi inmenso. Quizais, entre as actividades xacobeas que se están organizando ou deseñando en Compostela, debería figurar unha, con rango de congreso, co título As linguas do Camiño. Homenaxe a un eminente glotólogo e políglota chamado Ángel Amor Ruibal. No primeiro capítulo dos Problemas traduce do Rig-Veda un fermoso e poderoso canto á Palabra (como divindade), canto que, en nota, tamén nos ofrece no orixinal, en sánscrito, que, por certo, soaría moi ben nas linguas do Camiño.