Xa está ben. Xa está ben. Xa está ben.
Basta. Basta de atrocidades. Basta de rir das cousas serias. Basta de facer dano de maneira gratuíta. E si, parte do problema é o barato que sae delinquir, agredir, matar.
Estase a investigar un novo caso de violación en grupo. Cantos van? Hai unha «manada de manadas». E non é unha brincadeira. Porque o termo non me fai nin a máis mínima graza. Non quero que se tome á lixeira. Non me gusta nadiña que se faga chanza con isto.
Non quero saber nada de manadas, mandas en galego. Quen se movían nestes grupos eran os animais. Elefantes, búfalos, leóns, lobos. Animais, insisto. Ás veces, con máis raciocinio ca os humanos.
As manadas actuais son de mozos que unen a súa forza para obrigar a unha persoa a manter relacións sexuais. E isto, poñan como se poñan, é unha violación.
Cando escoitamos o primeiro dos casos quedamos aterrados de que isto puidese acontecer. E, agora, sentimos pánico, pois debemos poñerlle apelidos (para distinguilas) ás novas violacións en grupo: as de Bilbao, Mataró, Cádiz, Mogán, Antequera, Manresa, Castellón...
Actúan en grupos de catro, cinco, seis. Algúns apenas superan a maioría de idade e tamén os hai que levan moito tempo deixando atrás esa data. Entre as vítimas abundan as rapazas novas, pero tamén hai menores, discapacitados e persoas con problemas de socialización. O que dixen ao comezo: todas son atrocidades.
Sinto medo nesta sociedade. Moito medo. Preocúpame cara a onde estamos a ir. Isto non é avanzar.