As leccións do Resurrection Fest

Miguel Sande Corral
Miguel Sande DE COTÍO

OPINIÓN

12 jul 2019 . Actualizado a las 16:31 h.

Miren, resulta certamente difícil escribir sobre o fenómeno social e cultural no que se converteu xa a estas alturas o Resurrection Fest, un festival -non esquezamos- de rock extremo que nesta edición que vén de celebrarse en Viveiro despachou 100.000 entradas. Con tronos, relampos e trebóns naturais engadidos, amais, xustamente na noite de Slayer, algo difícil de superar.

 

Primeiro habería que salientar a gran transformación que experimenta Viveiro en apenas dous meses: da Semana Santa Internacional ao Resurrection Fest. Poucos lugares no mundo -se existe algún- asumen con tal naturalidade un cambio tan radical. (Xa só nos queda fusionar ambos os dous acontecementos para liderar unha nova e insólita revolución cultural mundial; ha ser o paso a dar, permítanme a boutade).

Despois de só catorce edicións o Resurrection Fest está xa entre os grandes festivais de rock duro. Cen mil entradas, non son necesarios adxectivos. Pero o Resu non é só a cita musical, con traer as mellores bandas; tamén é Viveiro. Ese dobre plus. Un enclave xeográfico natural que marabilla a quen vén. Unha descuberta.

Ninguén daba un can por este festival. Había ata receo. Un alcalde barbado, con melena e pasado comunista, apostou por el: Melchor Roel (D. E. P.). Hoxe en día a simbiose, si, é total. O Resu move arredor duns nove ou dez millóns de euros.

É que ademais nestes anos aprendemos moitas cousas. Esta xente tatuada, melenuda e co cabelo a cores, góticos moitos, de negro que daba medo, hoxe é benvida. Cen mil, e nin unha lea; cen mil e atravesan polos pasos de peóns; cen mil e nin un papel nin botella nas praias; todo a carón dos contedores, rebordantes, iso si. Nin un berro fóra do recinto do festival. Este ano a solidariedade cun rapaz en cadeira de rodas, elevándoo entre todos sobre dos ombreiros para que puidera ver e gozar e moverse aos sons electrizantes de Trivium, foi arrepiante e axiña se fixo viral.

É unha auténtica lección de convivencia. Tamén de educación. Certo que hai un amplo operativo policial e de emerxencias. Sorprendidos estamos. Son de gustos extremos, tattoos en proporción e, amais, acreditamos, cívicos e educados. Xa quixeramos.