Menchu Lamas

OPINIÓN

21 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

comezos deste mes a pintora viguesa Menchu Lamas ingresou na Real Academia Galega de Belas Artes, tras ser elixida o 28 de maio para ocupar unha das vacantes de membro numerario desta institución. E hai que comezar por dicir que foi unha escolla ben feita -xusta e oportuna- que veu recoñecer os méritos dunha pintora moi orixinal e creativa, como ten acreditado ao longo das últimas catro décadas.

Fundadora do grupo Atlántica en 1980 (con Antón Patiño, Ánxel Huete, Guillerme Monroy e Ramón Pereiro), Menchu Lamas é pintora dunha extraordinaria singularidade, que amosa no dominio das cores e no propio proceso creativo, sempre cheo de orixinalidade e en constante evolución. Porque ela é «a man que mira o horizonte», como titulou unha das súas exposicións. E, de certo, ela usa as mans para pintar, quizais porque esta é a súa maneira de acariñar a pintura e mergullarse nos seus segredos de liñas mensaxeiras que se entrecruzan para encherse de significados.

Porque na pintura de Menchu Lamas todo aparece como realidade e como símbolo, tras un proceso creativo complexo, no que xoga con sutís combinacións xeométricas e con atinadas mesturas de cores. O resultado, non obstante, transparenta sempre unha grande e sincera espontaneidade, que acredita o seu dominio do oficio e a súa vontade de ser pura e da permanente autenticidade creativa, na forma e no fondo.

Algunha vez escribín que é doado perderse nos seus aparentes xogos formais, pero non é posible afundir, porque a súa rede de xeometrías dialécticas non nos deixa caer nunca. Coma se se tratase dunha mesta tea de araña, os seus contidos pictóricos sostéñennos sempre nun nivel de proximidade intelectual que endexamais cede nin nos abandona. É unha parte do segredo da súa obra: a orixinalidade formal e compositiva.

Intenta rescatar o primixenio e orixinal coa súa combinación de elementos xeométricos? Pode ser. Mais o importante é que o resultado é sempre unha resposta limpa, espontánea e sincera, construída sobre o dominio do oficio. Por iso resulta tan próxima.