Baixa maternal

OPINIÓN

25 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Leo con tristura da morte de Carmen Alborch, que pasou coma vento fresco por un país no que as mulleres non eran ministras, e menos se se declaraban, coma ela, feministas. O tema desta columna víraseme amargo, e invádeme a sensación de dar un paso adiante e dous atrás.

Dou en pensar na maternidade de Carmen Alborch. Ela non tivo fillos e foi todo. Dicía ter unha vida plena. Sei que é pretencioso facelo, pero compárome: son nai de dúas nenas e, para sentirme plena, debo loitar a diario contra os elementos para lograr ser non todo, senón só algo. Pero os elementos teñen nome: un contorno que me atribúe a crianza sen eu pedilo, o xuízo constante sobre a miña calidade como nai, e un feminismo que me insiste en que ser nai abonda para... todo! Os horarios fanse para iso, as reunións da escola son para iso, as pediatras convencen diso, as sentenzas escríbense para iso.

Din quen a coñeceron que Carmen Alborch se dedicaba a tempo completo a todo o que facía; e, quizais por este empeño en escribir igualmente do que tiña pensado, lembro de súpeto aquelas baixas maternais nas que a sensación de perda de tempo me invadía canda un pensamento que me peteiraba na cabeza: Por que eu si e el non? Que estraño feminismo decidiu que era máis importante a miña teta cá presenza e o amor dun pai? E chegou a mostra: os xuíces do Tribunal Constitucional, ese colectivo tan pouco dubidoso de feminista, agarraron coma un cravo ardendo esa estúpida idea de que as nais teñen máis motivos para criar que os pais, e botáronlle terra a ese bárbaro intento de igualar baixa paternal e maternal.

De Carmen Alborch aprendemos a loitar contra o machismo en todas as versións, especialmente as estupideces xudiciais.