Corrupción na Universidade: memoria e pasado

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

29 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

As acusacións de favoritismo e plaxio ou as evidencias de corrupción académica nas universidades públicas e privadas españolas -aínda que, polo que se ve, en rigor habería que dicir madrileñas- están dando lugar a un debate que obriga a ollarmos cara a atrás. Hai todo un catálogo de malas prácticas ben coñecidas que podemos identificar; amais do favoritismo, vulneración da igualdade de oportunidades, parcialidade, enchufismo ou endogamia.

Importa moito saber se todo isto que sae á luz é unha práctica nova ou restos dunha práctica vella, ou mesmo a recuperación impune de vellas prácticas. De cando son estas prácticas, cando naceron ou se asentaron. Son o síntoma dunha profunda enfermidade social ou un brote a erradicar? O que estamos vendo é produto dunha recente burbulla universitaria parella á financeira e á inmobiliaria ou forma parte dunha práctica cultural, académica ou familiar asentada? Curiosamente nin os historiadores de oficio que abordan o asunto -incluído o presidente da CRUE- fan mención ningunha ao caldo de cultivo nun pasado inzado de prácticas de corrupción que hoxe son afortunadamente combatidas.

Se empezamos pola endogamia universitaria -ese mantra repetido nos últimos anos-, na Universidad Rey Juan Carlos atopamos a endogamia no seu significado máis etimolóxico, no máis propio da vella Universidade española: colocar fillos, fillas, parellas e parentela como profesores ou empregados universitarios. As noticias destes días non deixan lugar a dúbidas sobre esta práctica, tan habitual na Universidade do franquismo, e que foi erradicada -cando menos moi dificultada- na democracia coa aplicación da Lei de Reforma Universitaria. A URJC, convertida en recolledora de refugallos da vella Universidade franquista, recuperou a endogamia con ansia. Incluíndo, por certo, algún profesor xa expedientado en Santiago. A presenza -ou non- da endogamia e maila súa antigüidade poden comprobala nos directorios das universidades, simplemente cotexando nomes e idades.

Temos pouca memoria. Vimos dunha Universidade na que había filtracións dos exames de selectividade (Santiago en 1992), que, ao descubrirse, foron anulados, e despois cambiouse todo o que había que cambiar para que non volvese acontecer. Era a punta dun iceberg inadmisible e actuouse en consecuencia, neste e noutros casos.

Eran tempos de mudanza das vellas prácticas. Lembremos aquela Universidade na que sempre había algúns señoritos que non estudaban e que, despois de gozar dunha vida troiana, remataban as carreiras -estudando ou non- para incorporarse co título debaixo do brazo alí onde as familias tiñan intereses e opcións. Sospeitas de cambios de notas ou vendas de exames había tantas como imposibilidade de comprobalas. Algún día farase a historia oral das oposicións en España dentro da historia da recomendación. Os tempos en que nalgunha provincia seica aprobar unha oposición custaba un millón de pesetas, amais de matricularse nalgunha academia preparatoria en concreto. Delitos pasados e prescritos pero inesquecibles, agás para os de esvaecida memoria.