Federico!!!

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

24 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai cinco días, o 19 de agosto, fixo 82 anos que se cometeu o asasinato dun escritor, hoxe por hoxe o máis chorado na historia universal das Letras. Ninguén suscitou tantas elexías e epicedios, nin antes nin despois de 1936. Desde esa data, as musas da poesía choran bágoas inextintas. En 1975, un poeta noso, Celso Emilio Ferreiro, evocaba a súa morte nun romance con este comezo: «O dezanove de agosto / chegóu a morte a Viznar. / Entróu vestida de ialba, / pro a ialba nunca virá».

O poeta chamábase Federico García Lorca (1898?1936) e foi asasinado no barranco de Víznar (Granada) o 19 de agosto de 1936. Non sabemos se á mesma hora, pero, si, no mesmo día, era paseado en Cacheiras, nas aforas de Compostela, Ánxel Casal (1895?1936), home fundamental na historia editorial do libro en galego. El foi o editor e o impresor dos Seis poemas galegos (1935) de Lorca, ese hexaedro literario que constitúe unha alfaia da nosa poesía.

A noticia da morte do excelso poeta andaluz bateu no peito, en plena Guerra Civil, de centos de escritores dos cinco continentes e de miles e miles de cidadáns antifascistas, algúns deles enrolados nas Brigadas Internacionais, só polo feito de combateren un réxime político capaz de segar a vida dun ser humano tan extraordinario e dun xenial creador de universos literarios. Porque Federico, máis alá do poeta, do autor teatral e do singular dicidor, foi unha criatura que o propio Federico foi construíndo, tan fascinante que todos calaban cando el chegaba e todos devecían por recibir un xesto seu, unha palabra ou un dos seus elocuentes silencios. Pois ben, esta creación en constante perfeccionamento foi rota asañadamente o 19 de agosto de 1936.

Tamén Machado, o grande Antonio Machado, compuxo, nesas datas, unha elexía que titulou El crimen fue en Granada. Imposible esquecer os primeiros versos: «Se le vio, caminando entre fusiles, / por una calle larga, / salir al campo frío, / aún con estrellas, de la madrugada». Hai críticos que pensan que Lorca, como poeta, non foi superior a don Antonio Machado, nin sequera a Luis Cernuda, os dous mortos no exilio por republicanos. Pero, para a conciencia democrática universal, Federico García Lorca é quen representa con maior forza e fulgor a causa republicana española e a causa das inquedanzas populares. Na coroa do noso poeta figurará sempre o dato da súa morte: a dun excelso ser humano e a dun maxistral poeta a quen a barbarie fascista aniquilou cando estaba na flor da súa vida.