Fariña

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

12 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi o éxito televisivo dos pasados meses, sen dúbida ningunha, con todos os méritos: produción, guión, dirección, uns actores magníficos (eles e elas), contexto axeitado, documentación… O secuestro cautelar do libro de Nacho Carretero, nunha decisión xudicial difícil de explicar, disparou a curiosidade e as audiencias: 3,4 millóns de espectadores no primeiro episodio (21,5 % de share) e a fidelidade mantívose ata o final. Era o modelo americano (USA), semellante a Narcos ou Os Soprano, e a outros produtos parecidos, mesmo con referencias argumentais ao Padriño de Coppola. Mais algo faltaba na serie galega. Algo botamos en falta os espectadores galegos, non sei os fóra de Galicia: o drama social, a traxedia que significou a droga, o seu trafico, o seu consumo, a súa repercusión na economía, o estrago de case que dúas xeracións de mozos e mozas no mellor das súas vidas, estrago físico e moral, catástrofes familiares, confusión xeral de valores… ¿Para que estudar se o meu pai levanta nunha noite o que vostede gaña nun ano, señor profesor?

A serie non entraba nisto. Moi por riba, contra o final da mesma, aparecen as nais, o gran pulo mobilizador que prendeu a reacción social e en parte a política e xudicial. Pero apenas eran un atrezzo no conxunto do relato, por máis que os espectadores galegos sabiamos o que había detrás. Falo dos espectadores da miña xeración, que viviron a traxedia en carne propia ou moi próxima. Non estou seguro de que os mais novos chegasen a percibir esoutra dimensión do relato. Para algúns, os traficantes mesmo acababan sendo pequenos heroes domésticos, cando non personaxes simpáticos aos que había que comprender nas súas contradicións (Sito Miñanco). Non discuto a calidade formal e narrativa da serie. Falo da significación social, da necesidade dun relato completo, non reducido á peripecia dos protagonistas. A traxedia das rías nos 80 foi bastante máis que unha película de policías e ladróns.

Teño diante de min un libro que non é a primeira vez que recomendo: Futuro imperfecto, de Xulia Alonso, publicado en Galaxia no 2015 (versión en castelán, Mar Maior). A autora narra a súa propia historia: a súa e a do seu compañeiro, Nico, vítima do VIH, igual que outros moitos do seu tempo. Narra a historia daqueles rapaces e rapazas da Galicia da década dos 80, a xeración que primeiro se instala na sociedade das liberdades democráticas, ansiosa de novas experiencias, extraordinariamente vulnerable aos novos consumos, que perde o norte e a vida nunha vertixe de loucura que só os que a viviron poden imaxinar. Alonso non inventa nada. O seu relato é un exemplo de coraxe e, asemade, unha estarrecedora inmersión na realidade. Os protagonistas da fariña andaban daquela en pleno negocio.