Compostela, parque temático


Nunca pensei que escribiría unha columna que comezase por «Antes». Pero antes Santiago era unha fermosa cidade estudantil, co seu aquel provinciano, na que podías soñar con ser funcionaria e facer interminábel o paraíso dos 20 anos. Antes, Santiago tiña cidadáns. Camiñabas pola Rúa Nova e podías oír o son dos teus pasos, ver o telexornal nun café e, se eras beata, rezar na catedral. Case ninguén pensaba no que se gardaba alí dentro, porque Santiago era o nome da nosa cidade, e o pórtico da Gloria un lugar ao que as nais nos levaban armadas cunha apósito no bolso, e do que as nenas saiamos cun croque na fronte. 

Pero agora Santiago é unha feira, un lugar no que as cidadás somos estranxeiras, tomado por clientes dun parque temático da relixión máis superficial e da galeguidade máis estúpida, na que as meigas son bruxiñas de porcelana, o acibeche unha pedra filosofal e a queimada o novo gintonic. Agora Santiago só ten bares nos que disque é moi de aquí unha paella con millo de bote e o polbo con mozzarella derretida. Cando as compostelás aínda non eran un papel para amosar nun bar de Múnic, as rapazas comiamos xeados nun banco de Mazarelos. Iso pasou, e fomos deixando que a nosa cidade perdese aquilo que a fixo tan especial como para esnaquizala co peor dos turismos, ese no que dá igual estar en Santiago, Salamanca, ou Gotemburgo. Pero as de Santiago, as de sempre, as que andabamos en bici pola Quintana e bicabamos mozos nas escaleiras do Obradoiro, fuximos deste noxento postureo de Instagram. E por pura perrencha, dedicamos agosto a estragar as Rías Baixas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
38 votos
Comentarios

Compostela, parque temático