Que a indulten, contra!

OPINIÓN

Fíxoo mal, de acordo. E é posible que sexa unha insensata que non reflexiona antes de tomar decisións. Estivo mal aconsellada polos seus avogados, ou mesmo é posible que non lles fixo caso. Pero, que diaños!, é unha muller maltratada, que tivo que convivir durante anos co seu maltratador, a quen por certo só condenaron a tres meses de prisión, e nesas circunstancias é difícil reflexionar con frialdade e obedecer o requirimento de entregar aos seus fillos ao home do que fuxía.

Os xuíces españois non gozan ultimamente de simpatía popular por mor dalgunhas sentenzas, que son acordes coas leis pero que chocan coa sensibilidade da sociedade en temas delicados como as agresións sexuais ou os malos tratos. E este caso vén remachar o cravo. Varias asociacións de mulleres acusaron ao xuíz por falta de imparcialidade, baseándose na súa postura noutros casos e Margarita Robles criticou as descualificacións á acusada: «Os xuíces téñense que limitar a argumentar, non a descualificar».

Críticas aparte, a realidade é que, co Código Penal na man, o xuíz condenou a perder os seus fillos, a cinco anos de cárcere, ao pago das costas do xuízo e de 30.000 euros de indemnización ao marido, que ao parecer é a vítima, a unha muller que fuxiu dun lugar remoto no que era unha estranxeira, tentando que os nenos non sufrisen os malos tratos que ela sufrira.

Non creo que mereza ese castigo. Pódese pedir o seu indulto en change.org. A grandes males, grandes remedios.