Entre Duque e Carracedo

Xavier Alcalá
xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

06 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Acomezos de xuño producíronse dous nomeamentos de transcendencia para a comunidade científica española: o de Pedro Duque como ministro dese eido e o de Ángel Carracedo como presidente da Academia Internacional de Medicina Legal. Se cadra, o novo ministro xa felicitou o científico que nunca quixo marchar do seu país e, teimosamente, construíu un mundo de investigación en Compostela.

O Goberno do Pedro Sánchez ten unha boa fachada. Ora, cómpre saber se, tras dela, hai o que necesita España: mudanzas e avances. Se fixamos a ollada no Duque, de inmediato xorde unha distinción entre tipos de «persoas de Ciencia»: científicos, divulgadores e xestores. Onde colocar o novo ministro mediático? Porque, alén de aventuras espaciais -dignas e inspiradoras-, o que se espera nos ambientes da Ciencia e a Tecnoloxía é que faga andar a coñecida suma de I+i +i, ou sexa: investigación, innovación máis internacionalización.

E para redondear, a suma mesmo debería ser I+i+i+R, incluído o retorno. Como ben sabe o profesor Carracedo, é necesario andar mundo e investigar onde lle cadre ao científico; mais os científicos de verdade tamén teñen patria e a ela desexan volver. Un Ministerio de Ciencia que funcionase perfectamente debería ter unha Dirección Xeral de Recuperación de Talento.