Contradicións

OPINIÓN

25 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Álvaro, o meu cuñado, vive en Galapagar, nunha urbanización con piscina comunitaria, moi preto da casa natal de José Tomás, o famoso toureiro. Traballa en Madrid e, coa súa muller, teñen un «proxecto familiar» que, curiosamente, consta de tres nenos encantadores, dous deles xemelgos. Foron vivir alí un pouco para fuxiren da cidade, e outro moito para adquiriren unha vivenda con certa dignidade na que criar os fillos. El, que é un afervoado defensor da despenalización do consumo de cánnabis, tenlle proposto ao Concello que promovan unha rúa co nome de Antonio Escohotado, que seica tamén vive alí. Aínda non lle preguntei pola súa opinión sobre os novos inquilinos do concello, mais estou certo do que me vai dicir, pois el tampouco gusta das persoas que adoitan dar leccións de moralidade. Non me cabe dúbida de que coincidiremos en que Irene Montero e Pablo Iglesias meteron a zoca coas súas declaracións do pasado, que se volveron na súa contra e lles restarán credibilidade no futuro, igual que o resultado da consulta ás bases para lavar os pecados. Con todo, e sen defendelos, quero poñer o foco no alcalde de Cádiz e outros que dan a entender que hai que vivir coma os pobres para defendelos. Esa idea populista paréceme absurda e fai que lembre un vello amigo comunista, melenudo, que andaba sempre mal vestido e soñaba con ser alcalde da súa vila para lle mudar o nome á discoteca Lennon por Lenin. Tiña un aquel estrafalario, si, pero cría na altura das súas ideas e segue a mantelas hoxe, malia que, co paso do tempo, o único que mudou foi a súa roupa estragada e o seu peiteado. Un día, cando o vin todo aquelado, xustificou o seu aspecto e indumentaria alegando que para ser comunista non fai falla ser un porco.