Santo e rutineiro

Luís G. Tosar
Luís G. Tosar ENTRE LIÑAS

OPINIÓN

18 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Certa, como non, a paremia; «pasado o día, pasou a romaría». Refrán doado de comprobar co repaso da conmemoración do 17 de maio nos últimos 55 anos. Valente e patriótica foi a proposta de Francisco Fernández del Riego, Xesús Ferro Couselo e Manuel Gómez Román ao pleno da Academia, en marzo de 1963, «para que a xornada sexa dedicada a honrar os nosos libros co maior realce posible... contando coa colaboración das entidades culturais do país e dos centros galegos do mundo». Aprobación unánime -previa consulta á autoridade vixente, franquista, por suposto- que se explicitaría logo na reforma da corporación -nos 80, tras a chegada da autonomía- permitíndolle, entre outras prerrogativas, «decidi-la personalidade literaria á que cada ano se lle dedicará o Día das Letras Galegas». Celebración reivindicativa, de resistencia, que fora medrando en cerne popular ao longo de tres décadas, e que a Xunta de Galicia pasou a festividade oficial en 1991. Será a partir desa decisión cando aviveza a polémica. Algo xa houbera en 1987, coa designación de Francisca Herrera, evidente figura menor. Así, non só plantou o lume da retesía no seo da RAG, motivada por escollas que non satisfacían a algúns numerarios (María Mariño, 2007, Filgueira Valverde, 2015…), senón que desde sectores da sociedade civil, especialmente na comunidade educativa, houbo chamadas ao desacato e autores alternativos. Resulta, pois, interesante, á luz do forte impacto que obraron escritores como Lois Pereiro (2011), Roberto Vidal Bolaño (2013), Manuel María (2016) e Carlos Casares (2017), volver ás declaracións que, no 2004, fixeron varios persoeiros -entre iles o actual presidente da RAG, Víctor F. Freixanes- reclamando que a data, perante a excesiva institucionalización e carga litúrxica na que derivou, volva ser laborable. Boa ocasión será o 2020, no Congreso da Cultura Galega, para incorporar ao debate sobre o futuro do Día das Letras as opinións de colectivos implicados que, de momento, non teñen voz nin voto no asunto. Nós, dada a imposibilidade de atender, por parte da RAG, candidaturas merecentes, homenaxeamos onte a Pura Vázquez no seu centenario. Evitando, polo menos en Ourense, un día santo rutineiro. Ideal para a praia ou, este ano, para a ponte das Letras.