Insubmisa do informe PISA

Carme Adán TRIBUNA

OPINIÓN

03 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivimos tempos onde as palabras importan pouco. Cotizan no imaxinario dos valores, de existir tal cousa, tan á baixa como os másteres universitarios ou as promesas de rexeneración política. Escoitamos termos como calidade educativa baleirados de sentido, e poucas veces reparamos no seu significado.

A educación é un dos aspectos máis importantes dunha sociedade. O futuro, en boa medida, depende de como a concibamos no presente. Tal é así que os que deseñan as políticas económicas actuais, esas que para simplificar denominamos neoliberais, entenden de máxima relevancia dirixir a educación cara ao terreo da denominada empregabilidade. Isto polo de agora tivo por tradución práctica masificar as aulas, aumentar a docencia do profesorado, parcializar o saber, encher o currículo de materias de carga horaria ínfima ou atrapar ao alumnado na trampa das optativas. Como resultado, a sensación xeneralizada de que algo vai mal.

Considero que cada reforma educativa afondou nun erro de raíz. Pensar a educación como un instrumento. Trasladoulle a pais, nais e alumnado a presión dun emprego futuro. Emprego cada vez máis precarizado e que, de existir, non depende da acumulación irracional de títulos. Convertéronse as escolas, os institutos e as universidades nunha especie de empresas do precariado epistémico que expiden títulos, e deixouse de lado a súa dimensión de preparación para construír un futuro conxunto, ou sexa, o lugar onde se vive o saber, as ilusións, as frustracións, os desexos...

Hoxe a prioridade é o informe PISA, elaborado pola OCDE, acrónimo de Organización para la Cooperación y el Desarrollo Económicos. Entidade privada fundada en 1961 que, segundo reza na súa páxina web, ten entre as súas prioridades medir a produtividade e os fluxos de comercio. Cuantificar é a obsesión de políticos e burócratas. Cuantificar non é o mesmo que avaliar. Hai algo en ensinar e aprender que non cabe nos números, de difícil expresión matemática. Ese modelo empresarial implica que o rendemento non se avalía pola relación humana entre docente e alumnado, esa que marca a aprendizaxe, senón a través de modelos de calidade importados das consultoras.

Estes días o alumnado de Galiza está realizando as famosas probas coas que se elabora o informe PISA. Probas que se publicitan como as que miden a competencia matemática, lectora e financeira. Si, competencia financeira por grande novidade, por se aínda dubidamos do rumbo ideolóxico das probas. O meu centro foi un dos elixidos para tal proba. E a reflexión é a seguinte: qué mide o informe ou en que mellora a verdadeira calidade educativa? Acaso mide o informe PISA canto alumando temos nas aulas e as relacións que establecemos con el, a diversidade dentro delas, as horas no Club de Lectura ou no Club de Ciencias, as actividades complementarias, a igualdade e a diversidade nos centros?

Aplicada a educación ao modelo das empresas o resultado é nefasto. Din que un bo titular de prensa sempre ten que ter unha cifra. Pode que PISA sexa gran surtidor de titulares, mais na vida dun centro educativo serve para ben pouco. Se cadra, para que o profesorado sinta que o seu criterio, de novo, fica infravalorado.

Apuntaba hai uns días Amartya Sen que «cada individuo é máis que unha fría calculadora de utilidade racional e as sociedades non son só máquinas económicas». Se cadra o reto é menos informes, menos casas, menos falar de competencias, menos burocracia e máis educación. Eu son insubmisa do informe PISA.