Por que os homes violan?

Lourenzo Fernández-Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Esta é a pregunta diante da sentenza de Pamplona. A que debemos facernos. Dirase que son algúns. Si. Que tamén hai homes que rouban ou asasinan. Si. Pero ninguén dubida que o roubo debe ser penado, nin a xudicatura nin a sociedade.

O que nos pon de diante esta sentenza é que a violación pode ser entendible para un xuíz. Onde a maioría da opinión pública e moitos xuristas ven violación algúns ven outra cousa amparándose nun código que distingue entre abuso e violación. Entendo a diferenza entre roubo e furto, non entre abuso e violación. O roubo (dende Hammurabi e Moisés) vén sendo tan penalizable social e culturalmente como aceptable a violación dos corpos das mulleres e dos homes por outros homes (dende moito antes de Moisés). O machismo da sociedade patriarcal ilustra comportamentos e actitudes que aínda tinguen a ambigüidade dos códigos. Por iso aínda nestes días un pode escoitar a algúns xuristas dicir que -pese a todo- a sentenza está conforme ao Dereito. Cando Dereito e conciencia social non coinciden, nas sociedades libres e democráticas, o problema é do Dereito.

A explosión social do día da sentenza ten que ver coa do pasado 8 de marzo e pode facer avanzar décadas a solución dalgunhas lacras seculares. O importante é que aquí non se discute o número de anos de condena -apenas mencionado marxinalmente-, senón a cualificación. Non se apela á exemplaridade, senón á razón. O terrible, desconcertante, indignante é a cualificación.

Concepción Arenal estaría orgullosa do sentido das mulleres que moveron a protesta. Aquí a disputa é polo delito que o tribunal decidiu que non existía; polo desfase entre o que describen e o que cualifican na sentenza; entre o que todos vemos e o que ve o autor do voto particular. O que parece non asumirse pola maioría social é a interpretación dos xuíces; a súa distancia co sentido común que, pese a quen pese, é o sentido da maioría e non, como di o chiste reaccionario, o menos común dos sentidos. Non vale aquí apelar á técnica xurídica. Nin aínda que o fose. Tamén a experimentación xenética nazi tiña boa técnica e magnífica ciencia, pero clausurouse despois de 1945 por aberrante.

A Xustiza é un produto histórico e hai que entendela historicamente. Nun tempo recente os brancos mataban negros coa comprensión dos tribunais. As protestas e a opinión pública foron o instrumento social para combater aquela impunidade. Aquí mesmo, na Ditadura, na mesma época en que ardía Mississippi, a consideración dos delitos dependía do carácter político do delito ou da cor política dos imputados; a impunidade duns fronte a outros é coñecida e repudiada. O machismo, o racismo, o autoritarismo, son construcións sociais.

Neste caso de Pamplona o machismo vén sendo a mentalidade que define a posición das persoas respecto de delitos como a violación. Que é violencia? Velaí o problema a resolver aquí e agora. Que lle dicimos aos fillos: é mais violencia a de Junqueras, a cor amarela no fútbol, a letra dun rap, pitar un himno, e isto foi un abuso? A sentenza é antipedagóxica e iso é aínda peor para o futuro que sabela machista.

O asunto ten grande profundidade social e cultural. Por iso a Igrexa milenaria cala mentres tan ben falan as carmelitas de clausura.