Cunqueiro e o Grial

OPINIÓN

16 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu creo, como cría Álvaro Cunqueiro, que o Santo Grial está no noso Cebreiro, na igrexa prerrománica de Santa María (século IX), que custodia un cáliz románico. O autor de Merlín e familia estaba tan convencido disto que adoitaba ir por alí e, co permiso do párroco, poñía a ópera Parsifal de Wagner a todo volume. Daquela, seica comezaban a moverse arredor do escritor as personaxes da obra. Isto é, Parsifal co Santo Grial nunha man e a lanza que atravesou o costado de Cristo na outra, a escrava Kundry, o malvado feiticeiro Klingsor e o grande Amfortas, gardián do cáliz sagrado.

Con esta obra, escrita para consagrar e agrandar o seu Festival de Bayreuth, Wagner rehabilitou e modernizou o poema épico medieval homónimo de Wolfram von Eschenbach. O resultado final é unha ópera de contido medieval que pon en pé os grandes temas dunha relixiosidade emparentada coa maxia e coa meiguería, pero tamén co amor, a compaixón e a xustiza. Algo que Cunqueiro descifraba con emoción e talento sutil. Porque o escritor de Mondoñedo era un enorme fabulador de feitizos, encantamentos, prodixios, conxuros e embruxos, con astroloxías varias e dispersas.

Cunqueiro sempre estivo moi atraído pola memoria dos romances artúricos que corrían de boca en boca e de xeración en xeración, século tras século, pola nosa terra. Algo sobre o que xa chamara a atención o poeta Ramón Cabanillas coas sagas artúricas que asoman no seu fermoso libro Na noite estrelecida, de inesquecible fondura poética.

Cunqueiro prendeu fondo na tradición artúrica, como é ben sabido. Xa de mozo imaxinaba a don Galaz -ou Galahad- subindo a cabalo cara ao Cebreiro, para prostrarse de xeonllos ante o cáliz que tivo de certo o sangue de Cristo. Non era posible que don Álvaro puidese evitar poñer a súa imaxinación ao servizo de todo aquilo, entre outras cousas porque esa fantasía era infinitamente superior á súa realidade cotiá. Chrétien de Troyes morreu sen acabar o seu relato. Robert de Boron tampouco puido rematar a súa versión. Nin sequera Cunqueiro, moitos séculos despois, conseguiu desvelar o misterio. Pero si que puido escoitar e soñar o Parsifal na igrexa do Cebreiro. Algo sublime e grande.