O telescopio

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

09 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando tiña apenas 12 anos, o meu irmán maior tróuxome de Suíza, que era onde traballaba naquel tempo, un telescopio progresivo electrónico. Era un aparello moi innovador por estes lares e algo máis que un xoguete. Nun primeiro intre, aínda que me facía ilusión telo, non sabía moi ben como empregalo. Dende a miña condición de neno non era doado acceder á astronomía, pero pouco a pouco funlle collendo o truquiño ao funcionamento; decateime de que tiña algo potencialmente interesante nas miñas mans, e aí foi onde empecei a pescudar sobre os usos que poderían reportarme algún tipo de satisfacción, alén das limitacións que tiña vivir no primeiro piso dunha cidade. Nese piso tiñamos unha terraza moi xeitosa dende a cal había unha ampla visión do ceo, e ata con relativamente pouca contaminación luminosa. Aí foi cando descubrín máis de preto a Lúa e a súa maxia, sempre engaiolante cos seus incribles cráteres que, con aquel aparello, mesmo parecía que puideras tocalos. Vibraba coas súas fases e a súa cor dependendo da noite, e aquelas primeiras visións marcaron a miña nenez preadolescente. Sentíame un privilexiado. Pouco a pouco funme facendo un pequeno entendido en astronomía menor e fun lendo o ceo que nos está permitido ver. Distingo á perfección planetas de estrelas, e coñezo a súa saída e situación en cada época do ano, tamén dalgunha das constelacións máis importantes. Sei algo da evolución anual desas luciñas da noite e recoñézoas con meridiana claridade, e por algo tan sinxelo creo que son moi afortunado, e todo grazas a aquel pequeno telescopio. Agora teño outro máis grande pero xa non preciso ver tan de cerca, chégame con non deixar de mirar para o ceo cando as nubes mo permiten, como facían os nosos devanceiros.