Van Allen, cinto e botón

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

07 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1958, grazas ás sondas espaciais Explorer 1 e 3 e Pioneer 3, o equipo do norteamericano James Van Allen descubriu que o espazo é máis radiactivo a certas alturas sobre a Terra que a outras. A razón? Hai dous chorros de partículas subatómicas cargadas electricamente que circulan a gran velocidade ao redor da Terra, coma enxames de coches en dous carrís dunha rotonda. Para visualizar a súa forma, collamos unha pequena bóla que faga as veces de Terra, pousémola nunha mesa que defina o plano do ecuador, coloquemos un dónut pequeno rodeando á bóla e, a continuación, un roscón de Reis que rodee ao conxunto. Tamén se usa a imaxe de dous cintos anchos e concéntricos que rodean á Terra na zona ecuatorial. Os chorros chámanse, de feito, cintos de Van Allen. As partículas cargadas proveñen maiormente do sol. Ao acercárense a nós, o campo magnético da Terra fai que se curven ecuatorialmente e evita que nos fagan dano. Ao pouco do descubrimento, a un norteamericano ocorréuselle detonar unha bomba atómica 100 veces máis potente que a de Hiroshima a 400 kms. de altura sobre o Pacífico. Tres meses despois, os rusos detonaron 3. Resultado: as partículas liberadas fixeron un millón de veces máis intenso o cinto interior de Van Allen e nos dous anos seguintes unha ducia de satélites foron achicharrados. Un xogo perigoso. Décadas despois, vemos como dous machiños discuten quen ten o botón nuclear máis grande. Pedinlles aos Reis Magos que lles deixen uns xoguetes máis inofensivos. Espero que me oísen.