Orzamentos sen ambición

Xaquín F. Leiceaga
Xaquín F. Leiceaga PORTAVOZ DO PSDEG-PSOE

OPINIÓN

21 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A recuperación económica non se traslada aos Orzamentos. Faltan ambición e proxecto.

Falta ambición de facer. Os ingresos só medran un 2,9 %, cando a economía está a facelo en termos nominais nun 4 %. O sistema de financiamento autonómico proporciona máis recursos (un 5,4 % máis), pese a que non se acometeu tampouco este ano a reforma pendente desde o 2014. Pero a política tributaria propia, presa do clientelismo fiscal, é un fracaso. As vantaxes fiscais non se traducen nunha dinámica do PIB e do emprego máis expansiva que a media española, nin nunha redución das desigualdades. E a Xunta renuncia a utilizar toda a capacidade de endebedamento, pese a que o custe do crédito é moi baixo e as necesidades de investimento son patentes.

Falta proxecto para o país nunhas contas continuístas. A Xunta carece dun plan consistente para a mellora dos servizos públicos básicos ou a política social. As moderadas subidas de recursos para a sanidade e a educación apenas permitirán atender as subas salariais e, na sanidade, o mantemento do persoal. A recuperación do investimento é mínima, sen que aparezan consignadas accións de certa envergadura que permitan recoñecer un esforzo no cambio de modelo produtivo ou na creación de vantaxes competitivas. A excepción é o gasto en I+D, partindo dun nivel paupérrimo (e mantemos as dúbidas sobre o seu gasto efectivo). Descende o gasto en xuros, pero é porque a Xunta tardou máis que outras comunidades en beneficiarse das condicións moi vantaxosas do Fondo de Facilidade Financeira.

Como consecuencia, padece a cidadanía agora, e padecerá a nosa capacidade competitiva a medio prazo. Os resultados en emprego indican a falla de ambición. A previsión é crear 17.500 postos, e tardaremos seis anos en recuperar o nivel de emprego previo á crise; e neste exercicio superaremos por vez primeira a taxa de desemprego media de España. Cos ingresos aos que renuncia a Xunta, ¿non estaríamos en condicións de facer algo máis?