A memoria dos Vindel

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

15 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Estaban todos, ou case todos. Tres xeracións: bisnetos, tataranetos e polo menos unha tataratataraneta, Alejandra, de 13 anos, que tamén leva o apelido do devanceiro. A inauguración no Museo do Mar de Vigo da exposición do pergamiño que recolle as sete cantigas de Martín Codax, o noso troveiro das rias, da segunda metade do século XIII, a quen a Real Academia Galega dedicou o Día das Letras do ano 1998 xunto con Mendinho e Xohan de Cangas, foi un acontecemento. Da significación do manuscrito tense tratado dabondo nestas e noutras páxinas. Tamén da historia do pergamiño, que os nosos clásicos chamaban vitela, o cal apareceu como garda interior da encadernación dun tratado de Cicerón do século XIV, encadernado no século XVIII. Pedro Vindel Ávarez naceu nunha pequena localidade da provincia de Cuenca, Olmeda de la Cuesta, en 1985, perto da poboación de Vindel, de onde seguramente procede o seu apelido, e faleceu no ano 1921.

A súa historia persoal, e a historia da descuberta do manuscrito (1914), están recolleitas nun libro do que foi autor un dos sus fillos, Francisco Vindel Angulo, Historia de una librería (Madrid, 1945), hoxe moi difícil de atopar, e mais nunha película recente: El manuscrito Vindel (Linterna Produccions, 2016), da que son guionistas, produtores e directores: José Manuel Fernández-Jardón Vindel, filólogo, fillo de Paloma, neta do patrucio da saga familiar, e o fillo do primeiro, Luis. Tamén hai un documental, con imaxes da película, ao que o lector interesado pode acceder en aberto a través das plataformas en rede.

A longametraxe, 90 minutos de documentación dramatizada, estreouse en salas comerciais en Toledo e Cuenca. Oxalá poidamos gozala tamén entre nós. staban todos na inauguración, repito. Tres xeracións. A presenza do pergamiño resulta emocionante, monumento do noso patrimonio histórico, lingüístico e literario; monumento do patrimonio da literatura universal, deberiamos dicir. Pero a min emocionoume case tanto (porque o manuscrito xa tivera ocasión de contémplalo na Biblioteca Morgan de Nova York) a presenza da familia: os Vindel, reunidos todos arredor da vitela e arredor da memoria do devanceiro. Honra que lles corresponde a eles tamén. Pedro Vindel saíu de Olmeda de la Cuesta con apenas once anos, a buscar vida cunha compañía de titiriteiros ambulantes. Non sabía ler nin escribir. Hai que imaxinar como era o mundo daquela. Traballou de mozo na estación do Norte en Madrid, e en oficios varios, ata acabar vendendo libros no Rastro. Alí deprendeu as letras, e o amor pola cultura, que o convertiría nun dos grandes libreiros da España do seu tempo. A familia mantivo o oficio durante un par de xeracións, con establecementos na Plaza de las Cortes e nas rúas do Prado e Hermosilla. Hoxe o seu bisneto, Ismael, continúa en parte coa tradición da bibliofilia.