Currículo anónimo

OPINIÓN

24 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Imos ser optimistas e alegrarnos de que nalgunhas empresas que o utilizan o currículo anónimo trouxo consigo un aumento de mulleres en persoal «dun 12 a un 36 % no número de mulleres nos postos de traballo», asegurou a ministra de Sanidade, Dolors Montserrat.

 O primeiro que a unha se lle ocorre é que o anonimato se acaba no paso seguinte e decisivo para conseguir un traballo, que é a entrevista. Aí, o executivo con experiencia, que o currículo parecía ofrecer convértese ante os ollos do examinador nunha señora madura que seguro que é un cu de mal asento e que non vai traernos máis que problemas. E, de igual modo, o que parecía un mozo intelixente, con gran capacidade de traballo e desexos de prosperar, é en realidade unha moza ambiciosa que en canto teña un posto fixo poñerase a parir fillos e a reclamar a conciliación familiar.

A discriminación empeza xa na escola primaria. Colegas que dan clase nese nivel comentáronme que aos nenos que preguntan moito considéraselles intelixentes e interesados na materia, mentres que as nenas que o fan son vistas por algúns profesores como marisabidillas molestas.

Durante moito tempo seguirá habendo empresas que discriminen polo sexo, a raza, a idade ou a foto. Pero sexamos optimistas. Ese aumento de mulleres en nómina, detectado en empresas que utilizaron o currículo anónimo, é un paso pequeno, pero cara a adiante, no longo camiño da igualdade.